Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 16/04/2023 11:52:31

O Padronés Cortizo exhíbese na Clásica de Pascua

O conxunto local anotouse a vitoria por medio do elite asturiano Sinuhé Fernández e clasificou a seis corredores entre os sete primeiros na apertura da Copa Galicia. Martín Rey, primeiro líder sub23.

O Club Ciclista Padronés brillou este sábado diante da súa afección na 60 edición da Clásica de Pascua cun triunfo incontestable do elite Sinuhé Fernández. Despois de varias fugas sen éxito nas que sempre estivo presente o equipo local, o corredor asturiano lanzou o ataque definitivo na subida da Pereira en Rois, conseguindo coroar o alto en solitario antes de afrontar o último ascenso a Formarís, onde xa contaba cunha vantaxe de 56 segundos sobre o grupo perseguidor. O ciclista ovetense soubo defender a súa renda nos 11 quilómetros que conducían á chaira do Souto cruzando a liña de meta sen oposición ante a ovación do seu público.

Padrón viviu onte o seu penúltimo día de festas e, do mesmo xeito que ocorreu na pasada edición, tamén puido celebrar unha exhibición do equipo local. O murciano Francisco Rus foi segundo, impoñéndose no esprint do grupo perseguidor por diante do cántabro Kevin Suárez (Nesta MMR) que terminou terceiro. O Cortizo logrou situar a seis dos seus corredores entre os sete primeiros. Tobias Tanfield (4º), Martín Rey (5º), Carlos Gutiérrez (6º) e Eduardo Landaluce (7º). A gran actuación colectiva do Padronés completouse co triunfo por equipos. En canto ás clasificacións secundarias, o premio da montaña foi para Aitor Bugarín (Vigo-Rías Baixas), equipo que tamén levou as Metas Volantes con Miquel Valls. Pola súa banda, Ricardo Buba (High Level-Gsport-Grupo Innova Tormo) foi o vencedor dos Sprints.

A Clásica de Pascua-Memorial Francisco Rodríguez contou coa participación de 130 corredores e doce equipos que tiveron que afrontar un percorrido de 125 quilómetros polos municipios de Padrón, Rianxo, Dodro e Rois. Ademais de ser puntuable para os rankings da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC), exerceu de primeira cita da Copa Galicia Elite-Sub23 e as camisolas de líderes recibíronas Sinuhé Fernández e o vilagarcían Martín Rey como mellor Sub23. 

O certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego regresará o 7 de maio na 27ª Volta á Comarca Brigantina en Betanzos. Toda a informacón sobre esta competición podes atopala nas redes sociais a través do hashtag #CopaGaliciaEstrada23 e na súa sección dentro da nosa páxina web

Clasificación 

Fonte: Padronés Cortizo

GALERÍA DE FOTOS

O Padronés Cortizo exhíbese na Clásica de Pascua
O Padronés Cortizo exhíbese na Clásica de Pascua

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es