Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 24/04/2023 19:42:31

Álex Paz deixa a vitoria na casa no arranque da Copa Galicia DHI

O elite do Compostelano foi o máis rápido en Santiago. Gemma Chapela impúxose nas mulleres

Cunha cita máis no seu calendario que o ano pasado, a Copa Galicia DHI desatouse este domingo na capital autonómica. O Descenso Cidade de Santiago alcanzou a súa décima edición e na baixada do Monte Pedroso o rexistro scratch rubricouno un representante do club organizador. Álex Paz deulle o triunfo ao Compostelano-Muebles Compostelano, sendo Gemma Chapela (VK Bikes) a muller máis rápida. Os dous elites e outros oito riders recibiron as primeiras camisolas de líderes do certame que coordina a Federación Ciclismo Galego (FCG).

Dende o 2018 non se celebraba este evento que no seu regreso contou con 130 inscritos. De todos eles, dous corredores elites lograron na quenda final baixar da barreira dos 2 minutos e 10 segundos. Álex Paz detivo o reloxo en 2:08.378 e por pouco máis dun segundo bateu os 2:09.793 de Víctor Mariño (X Bikes). O top-5 copárono os elites con Alejandro Vila (BMX Cromoly), cunha marca de 2:13,671, e dous segundos máis investiron Gabriel Alonso (Tribu del Ñu) e Abel Rial (Compostelano), cuarto e quinto respectivamente. 

A sexta posición acadouna o vencedor sub23 Zoe del Río (XSM) e entre os dez mellores tamén se meteron os juniors Raúl Romero (A Forna), oitavo, e Yago Mato (Compostelano), noveno, separados por 125 milésimas. No resto de categorías comezaron mandando na Copa Galicia o cadete Xurxo Campos (Monteneme), o máster-30 Diego Cuba (Medela), o máster-40 Juan José Fernández (MR Bikes) e o máster-50 Ricardo Escudero (Poio Bike).

Tres líderes femininas 

A raíña elite da Copa Galicia DHI 2022 arrancou a súa defensa do título cun primeiro posto scratch femininoGemma Chapela impúxose cun 'crono' de 3:41,864 e 32" de vantaxe sobre a súa irmá Alejandra Chapela (VK Bikes). Terceira concluíu Uxía Álvarez (Coruxo), primeira líder sub23, e o seu tempo de 4:28,911 non lle permitiu repetir o triunfo absoluto que conseguira no 2018 en Santiago. En canto ás cadetes, Alexia Santerna (A Forna) bateu a Nayra Giráldez (VK Bikes), mentres que Alejandra Díaz (Cambre) finalizou terceira. 

Ao marxe do certame autonómico disputouse unha competición Infantil, dominada por Mario Barreiro (VK Bikes), e unha de Enduro, na que triunfou David Pazos (Rocasport). Esther Pedrosa, concelleira de Deportes de Santiago; Abel Gómez, presidente do Club Ciclista Compostelano; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego, entregaron os premios na cerimonia de podio. 

A Copa Galicia DHI regresará o vindeiro 14 de maio co DH Cabreiroá en Verín, segundo dos cinco eventos que compoñen o seu calendario. Toda a información sobre o circuíto autonómico de Descenso podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do hashtag #CopaGaliciaDHI23. 

Clasificacións 

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es