A Copa Galicia de Cross Country Olímpico regresou o pasado domingo cunha proba de altura despois de dúas semanas de paréntese. No Monte Castrove desfrutouse tanto das fermosas vistas á ría de Pontevedra como do espectáculo deportivo que se viviu na novena e antepenúltima xornada do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego. A sub23 Carla Fernández (QueBici-Marcisport) e o elite Saúl López (Academia Postal-Maceda) gañáronse a pulso ser os nomes propios do XCO Poio.
A actividade comezou pola mañá no circuíto deseñado polo Poio Bike Club co Mini BTT e pola tarde chegou a quenda da Copa Galicia XCO. A dureza do trazado quedou de manifesto na factura que pasou a acumulación de voltas, un total de sete para os homes Elite-Sub23. Samuel González (Máis Que Bicis) saíu a por todas na carreira raíña masculina e despois do primeiro paso pola liña de meta alcanzou a súa roda Saúl López. O elite do Academia Postal-Maceda, que contaba por vitorias as súas dúas aparicións esta campaña no certame autonómico, mantivo a condición de invicto. O monfortino marchouse en solitario no ecuador da proba para rematar vencendo cun minuto de vantaxe.
O tamén elite Samuel González mantivo a segunda posición e 31" máis tarde chegou a meta como terceiro clasificado absoluto Anxo Carril (Coruxo). O gañador sub23 e líder do seu grupo de idade decantou ao seu favor o duelo cheo de alternativas que protagonizou co elite Jorge Punzón (Cosmos), que grazas ao seu cuarto posto e á ausencia de Manuel Ángel Parada (Xesteiras) reforzou o seu primeiro posto na xeral. O top-5 no Monte Castrove completouno o elite Alberto Pedreira (Bici Verde).
O cadete Mauro Vega (Coruxo), dominando de principio a fin, foi a única excepción ao pleno de triunfos dos líderes que se deu no resto de categorías masculinas. Martín Sestelo (Avanza-O Porriño) impúxose nos juniors, José Ramón Villanueva (Código Bike) nos máster-30, Jorge Aguín (Moto Bike) nos máster-40, Antonio Rodríguez (Ourense Termal) nos máster-50 e José Manuel González (Academia Postal-Maceda) nos máster-60.
Remontas
Dúas das carreiras femininas seguiron o mesmo guion, con remontas culminadas na última volta. Entre as Elite-Sub23 tomou o mando dende os metros iniciais Irene Trabazo (XSM). A líder elite acadou unha vantaxe superior aos 20 segundos sobre Carla Fernández, pero a sub23 do QueBici- Marcisport soubo regularse para iniciar xuntas o quinto e último xiro ao circuíto e posteriormente descolgar a súa rival. A viguesa selou o seu primeiro triunfo absoluto da temporada con máis dun minuto de marxe. A líder sub23 Sofía Álvarez (Cambre Renault Caeiro) fixo terceira.
Unha desvantaxe aínda máis ampla tivo que anular Marta Estévez nas juniors. A corredora do XSM cedía 39" en relación a Aroa Otero (Supermercados Froiz) á conclusión da segunda das catro voltas que deron as xuvenís e acabou apuntándose o triunfo por 19" de diferenza. Pola contra, a cadete Lorena Patiño (XSM), a máster-30 Rosario Corbacho (Poio Bike) e a máster-40 Silvia Garía (Bici Verde) controlaron con autoridade as súas categorías.
O acontencido no Monte Castrove non provocou ningún cambio no máis alto das clasificacións xerais da Copa Galicia XCO. Continúan como líderes Iris Fernández (Academia Postal-Maceda) e Néstor Frías (Academia Postal-Maceda) en cadetes, Yaiza Vila (Team Bike Outeiro de Rei) e Martín Sestelo en juniors, Sofía Álvarez e Anxo Carril en sub23, Irene Trabazo e Jorge Punzón en elites, Raquel Vázquez (Esmelle) e José Ramón Villanueva en máster-30, Silvia García e Jorge Aguín en máster-40, Antonio Rodríguez nos máster-50 e José Manuel González nos máster-60.
A penúltima xornada deste certame terá lugar este sábado enfronte de Poio, ao outro lado da ría de Pontevedra, coa celebración en Marín do XaxanBike. Toda a información sobre a Copa Galicia XCO podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCO23.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es