Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 21/06/2023 02:09:30

Saúl López reina na festa do XaxanBike

Tres categorías da Copa Galicia XCO están por decidir a falta da última xornada, a deste sábado en Maceda

Tres eventos no mesmo escenario e na mesma fin de semana. O XaxanBike repetiu fórmula cun Mini BTT, un Eliminator e unha xornada da Copa Galicia de Cross Country Olímpico, a penúltima desta temporada. Unha festa do BTT na que reinou Saúl López (Academia Postal-Maceda) sete días antes de que o certame de XCO poña o broche de ouro no circuito do seu club.

Gañador a fin de semana anterior en Poio, o elite monfortino atopou en Marín o trazado máis técnico do calendario autonómico con puntos para exhibir control da bicicleta como un wallride, unhas escaleiras en baixada ou un paso por unha zona húmida. Nese trazado preparado polo XSM en Chan de Gagán, Saúl López non deu ningún tipo de opción aos seus rivais. O representante do conxunto macedao impúxose con 2 minutos de marxe ao vencedor sub23 Anxo Carril (Coruxo) e mantivo a súa condición de invicto nesta edición da Copa Galicia. Catro aparicións e catro vitorias. 

Samuel González obtivo a terceira posición na clasificación absoluta seguido por outros dous elites, Alberto Pedreira (Bici Verde) e Iván Pereira (Xesteiras), cuarto e quinto respectivamente. O líder Jorge Punzón non estivo no Xaxanbike, pero como tampouco participou o segundo clasificado Manuel Ángel Parada (Xesteiras), o porriñés do Cosmos proclamouse matematicamente campión da xeral elite. 

O único ranking masculino que aínda está por decidir é o cadete, cos tres primeiros nunha marxe de 32 puntos. Xian Alvariño (Lynalfa Ponteareas) asaltou o liderado grazas a súa vitoria en Marín por diante de Mauro Vega (Coruxo), que continúa segundo. Néstor Frías (Academia Postal-Maceda) cedeu a camisola da Copa e caeu á terceira posición. 

As outras dúas categorías que se resolverán en Maceda son femininas. A cadete Lorena Patiño (XSM) anotouse o triunfo na cita organizada polo seu club e colocouse a 105 puntos da líder Iris Fernández (Academia Postal-Maceda), terceira en Chan de Gagán por detrás de Lara Pita (Cambre-Renault Caeiro), quen tamén ten opcións matemárticas de facerse coa xeral. Por outra banda, o Supermercados Froiz dominou nas juniors con Aroa Otero (Supermercados Froiz) primeira e Uxía Soto segunda, terminando terceira Marta Estévez (XSM), implicada na pugna pola xeral. A xuvenil do conxunto marinense recortou a 10 puntos a súa desvantaxe respecto a Candela Rodríguez (Coruxo) e a 60 en relación á líder Yaiza Vila (Team Bike Outeiro). 

No resto de grupos de idade asinaron as vitorias no XaxanBike o júnior Alejandro García (Academia Postal-Maceda), a máster-30 Raquel Vázquez (Esmelle), o máster-30 José Ramón Villanueva (Código Bike), a máster-40 Silvia García (Bici Verde), o máster-40 Juan José Chapela (Máster Morrazo), o máster-50 Antonio Rodríguez (Ourense Termal) e o máster-60 José Manuel González (Academia Postal-Maceda). 

Once rankings sentenciados

Antes da clausura deste sábado en Maceda, xa teñen no peto as xerais da Copa despois de dez xornadas disputadas o júnior Martín Sestelo (Avanza-O Porriño), Sofía Álvarez (Cambre-Renault Caeiro) e Anxo Carril en sub23, Irene Trabazo (XSM) e Jorge Punzón en elites, Raquel Vázquez e José Ramón Villanueva en máster-30, Silvia García e Jorge Aguín (Moto Bike) en máster-40, Antonio Rodríguez nos máster-50 e José Manuel González nos máster-60. As camisolas de líderes e os trofeos do XaxanBike encargáronse de entregalos Antonio Traba, concelleiro de Deportes de Marín; Antonio Caíña, coordinador de actividades deportivas; e Juan Carlos Muñiz, presidenta da Federación Ciclismo Galego.

Toda a información sobre a Copa Galicia XCO podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCO23.

Eliminator 

O Xaxanbike completou o seu programa o domingo co Eliminator. A gran final masculina controlouna o júnior Danny Buba (Coruxo) batendo ao elite Alberto Pedreira. O júnior Martín Díaz (Caimanes Betanzos) entrou terceiro e o tamén xuvenil Héctor García (Poio Bike), cuarto. En canto ás mulleres, a elite Irene Trabazo gañou ante a súa compañeira de equipo Marta Estévez. As vitorias cadetes corresponderon a Lorena Patiño e Xian Alvariño e as infantís a Iris Santana (Coruxo) e a Lucas Lozano (Farto).

Clasificación XCO

Clasificación Eliminator

GALERÍA DE FOTOS

Saúl López reina na festa do XaxanBike
Saúl López reina na festa do XaxanBike
Saúl López reina na festa do XaxanBike
Saúl López reina na festa do XaxanBike
Saúl López reina na festa do XaxanBike
Saúl López reina na festa do XaxanBike

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es