Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 27/07/2023 22:57:55

Copa Galicia XCM, un repóker de maratóns con inicio en Viveiro

Este domingo arranca o certame autonómico para fondistas da bicicleta de montaña

A última Copa Galicia de BTT do 2023 ponse en marcha este domingo. A Viveiro Bike Xtreme volve aos montes da Mariña Lucense para dar inicio ao certame de Cross Country Maratón coordinado pola Federación Ciclismo Galego, unha competición para fondistas e que esixe un pico de forma no que resta de verán e no arranque do outono. Os seus cinco eventos dispútanse en pouco máis de dous meses. 

Despois da súa suspensión no 2022, a Viveiro Bike Xtreme abrirá a Copa Galicia XCM este domingo a partir das 09:30 horas. As bikers e os bikers que se impoñan nas súas categorías na proba organizada pola Peña Ciclista Grafica Lar chegarán vestidos de líderes o domingo seguinte á segunda edición do desafío proposto polo Club BTT Carral

O pelotón deste certame regresará a territorio lucense o 27 de agosto para afrontar en Guitiriz a VII Ruta BTTeiros Cova da Serpe. Sen cambiar de provincia, o 10 de setembro estréase a Lugo Bike Tour da man do Club Creto Bikes. Por último, as clasificacións xerais da Copa Galicia XCM resolveranse definitivamente o 1 de outubro na XX Marcha Costa da Morte, con epicentro en Carballo e co Monteneme como entidade anfitrioa. 

O grupo de idade Júnior é o máis novo que pode participar nestas competicións, estando exento de pagar inscrición. O resto de categorías (Sub23, Elite e Masters) deben abonar 18 euros. 

Toda a información sobre a Copa Galicia XCM podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCM23.

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es