Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 01/08/2023 22:48:11

Susana Alonso e Diego Álvarez vístense en Viveiro como primeiros líderes Elite da Copa Galicia XCM

A seguinte cita do certame autonómico dispútase o vindeiro domingo en Carral

A esixencia da Copa Galicia de Cross Country Maratón púxose de manifesto dende o primeiro dos seus cinco desafíos desta temporada. A Viveiro Bike Xtreme subiu o pano este domingo do certame para fondistas do BTT coordinado pola Federación Ciclismo Galego e a dureza dos 65 quilómetros de percorrido polos montes da Mariña Lucense puxo a proba o estado de forma do pelotón autonómico de XCM. Susana Alonso (Extol MTB Team) e Diego Álvarez (V Bike) gañaron nas categorías Elite e encabezaron a nómina de nove bikers que se vestiron as primeiras camisolas de líderes. 

A posta en marcha do evento organizado pola Peña Ciclista Gráficas Lar reuniu a preto de 140 participantes na Praza Pastor Díaz. Dende o corazón de Viveiro arrancaron a proba da Copa Galicia e a marcha cicloturista. Avalado polo seu pleno de triunfos esta campaña nas citas da Transgalaica, o tudense Diego Álvarez era o principal favorito á vitoria e o corredor do V Bike aproveitou as características do itinerario para executar o seu plan. Quería chegar en solitario á liña de meta e logrouno cun tempo de 3 horas 14 minutos e 33 segundos despois de decantar ao seu favor o man a man co tamén elite Rubén Deaño (Ourense Termal).

"Moi dura... cambras a tope. Os últimos 10 km foron insufribles. Quería coroar primeiro antes que Rubén porque sei que baixa moi ben, tecnicamente é moi bo. Entón, moito gas ata o último porto e conseguín unha pequena vantaxe que me permitiu chegar primeiro", sinalou Diego Álvarez tras avantaxar en 2'26" a Rubén Deaño na liña de meta. 

Os catro seguintes clasificados na táboa absoluta impuxéronse nos seus grupos de idade. Francisco Xavier López Cedrón (MTC), terceiro a 16' do vencedor, rematou como primeiro máster-50; a cuarta praza de Manuel Casuso (Xesteiras) outorgoulle o triunfo nos máster-30; a quinta de Diego Rey (Tambre Bike) serviulle para gañar nos máster-40; e Iván Belmonte (High Level), sexto, dominou nos sub23. O júnior Adrián Caamaño (Caimanes Betanzos) e o máster-60 Pedro Delgado (Ultreia) foron os únicos ciclistas das súas categorías que completaron esta edición da Viveiro Bike Xtreme. 

A competición feminina resolveuse cun 'dobrete' do Extol MTB Team na clasificación elite e absoluta. A mosense Susana Alonso presentouse na meta "feliz por ter acabado" despois de 4 horas 18 minutos e 44 segundos de esforzo. A raíña desta edición recoñeceu que "se fai moi dura, é unha ruta para vir en forma". A súa compañeira de equipo Eva Ortega concluíu segunda a 9'15" e o terceiro posto entre as mulleres correspondeu a outra elite, a Raquel Román (Bici Verde). A cuarta posición ocupouna Cecilia Abal (Ribadumia) e a vencedora máster-30 Sofía da Silva (Extol MTB Team) fixo quinta. 

Os trofeos da Viveiro Bike Xtreme e os maillots da Copa encargáronse de entregalos o concelleiro Jesús Fernández, o presidente do club anfitrión José Manuel Pernas e por parte da FCG o seu secretario David Carrillo. A seguinte cita deste certame chegará xa o próximo domingo, coa disputa da segunda edición da BTT Carral XCM. 

Toda a información sobre a Copa Galicia de Cross Coutry Maratón podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCM23.

Clasificación

GALERÍA DE FOTOS

Susana Alonso e Diego Álvarez vístense en Viveiro como primeiros líderes Elite da Copa Galicia XCM
Susana Alonso e Diego Álvarez vístense en Viveiro como primeiros líderes Elite da Copa Galicia XCM
Susana Alonso e Diego Álvarez vístense en Viveiro como primeiros líderes Elite da Copa Galicia XCM
Susana Alonso e Diego Álvarez vístense en Viveiro como primeiros líderes Elite da Copa Galicia XCM
Susana Alonso e Diego Álvarez vístense en Viveiro como primeiros líderes Elite da Copa Galicia XCM
Susana Alonso e Diego Álvarez vístense en Viveiro como primeiros líderes Elite da Copa Galicia XCM
Susana Alonso e Diego Álvarez vístense en Viveiro como primeiros líderes Elite da Copa Galicia XCM
Susana Alonso e Diego Álvarez vístense en Viveiro como primeiros líderes Elite da Copa Galicia XCM
Susana Alonso e Diego Álvarez vístense en Viveiro como primeiros líderes Elite da Copa Galicia XCM

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es