Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 09/11/2023 17:37:20

O Trofeo Montes das Eiras de Ciclocrós celebra os seus 25 anos de vida

A terceira xornada da Copa Galicia reunirá este sábado 11 a máis de 260 participantes nun circuíto que transcorrerá polo viñedo de Terras Gauda

O Trofeo Montes das Eiras de Ciclocrós celebra esta fin de semana os seus 25 anos de vida por todo o alto. Máis de 260 persoas participarán este sábado 11 de novembro nesta carreira organizada polo Club Ciclista O Rosal coa colaboración do Concello e que por segundo ano consecutivo se celebrará nun escenario único en Galicia, os viñedos da adega Terras Gauda.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, quixo dar os seus parabéns ao club “por ser quen de manter vivo o espírito da proba durante un cuarto de século, ofrecendo circuítos únicos e innovadores para as e os corredores e facendo que cada ano sexan máis as persoas que se animan a participar”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, salientou a singularidade do circuíto, “un elemento distintivo do trofeo que permitir vincular unha proba deportiva tan importante cunha sinal de identidade do Rosal como é o viño”. No acto de presentación da proba participaron ademais da rexedora e o concelleiro, representantes do club ciclista, da Xunta de Galicia, da Federación Ciclismo Galego e da bodega Terras Gauda.

imagen

A partir das 11.30 horas tomarán o circuíto corredoras e corredores de ata 18 categorías diferentes, polo que sobre o terreo haberá ciclista dende os 12 anos ata maiores de 60. A terceira xornada da Copa Galicia de Ciclocrós transcorrerá por todo o viñedo, polo que o público poderá ver o circuíto completo dende distintas posicións dada as características do terreo. A proba rematará ás 18.00 horas coa entrega de premios.

O Concello quere felicitar ao Club Ciclista O Rosal por facer ao público desfrutar un ano máis deste grande evento nunha contorna espectacular e agradecer xunto ao club a implicación de Terras Gauda no trofeo, así como a colaboración da Comunidade de Montes das Eiras, da Federación Ciclismo Galego, da Xunta de Galicia, de todas as empresas e entidades patrocinadoras e do equipo de voluntarios e voluntarias de Protección Civil.

Fonte: Concello do Rosal 

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es