Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 07/12/2023 14:46:25

Dous duelos estelares honran á decana do ciclocrós autonómico

Miguel Rodríguez apúntase o seu toma e daca con Samuel González e Carla Fernández bate ao esprint a Aroa Otero na clásica da Copa Galicia en Boiro

Xa van 36 edicións e nunca defrauda. O Ciclocrós Concello de Boiro, cos seus característicos treitos pola area e o piñeiral de Praia Xardín, volveu ser fiel a súa cita co 6 de decembro e o espectáculo. Tres días despois dun primeiro asalto en Ponteareas, as mesmas e os mesmos protagonistas principais das carreiras raíñas honraron á decana do calendario autonómico con dous duelos estelares na sétima e antepenúltima xornada da Copa Galicia. 

A festividade da Constitución é a data que ano tras ano reserva o Club Ciclista Barbanza para que o ciclocrós desembarque na Ría de Arousa. Sen lama e con 258 participantes, esta vez o cartel da cita boirense ofrecía reválidas de moito nivel. Na carreira Elite-Sub23 masculina só transcorreran 72 horas dende que o sub-23 Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) rematara coa condición de invicto do elite Samuel González (Máis Que Bicis) nun asfixiante man a man. Os dous volveron á carga en Boiro, ofrecendo un toma e daca que non se resolveu ata a penúltimo volta.

imagen

O intercambio de ataques caeu do lado do ponteareán. Dúas presenzas e dúas vitorias para Rodríguez na Copa Galicia 2023. No circuíto do Paseo Marítimo de Praia Xardín acabou vencendo por 1 minuto e 18 segundos de vantaxe respecto ao vigués González, indiscutible líder da xeral Elite. A terceira posición, a máis de 4' do gañador, obtívoa o elite Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño) ao rematar 9" por diante de Brais Fernández (Academia Postal-Maceda), que deu un paso de xigante para garantir a camisola Sub-23 deste certame. Héctor García (Poio Bike) completou o podio Sub-23 e pechou o top-5 absoluto.

A lei do líder imperou nas carreiras Júnior e Cadete. O Caimanes Betanzos fixo primeiro e segundo nos xuvenís con Martín Díaz e Raúl Puelles. Lucindo o maillot da Copa tamén ergueu os brazos na liña de meta Xian Alvariño (Lynalfa-Ponteareas) logo de quedarse co mel nos beizos na anterior xornada. Esta quenda cadete volveu estar do máis competida e a diferenza final entre os tres ciclistas que subiron ao caixón non chegou aos 15". Diego Valladar (Coruxo) ocupou o segundo chanzo e Pedro Liaño (Caimanes Betanzos), o terceiro. 

imagen

En cantos aos grupos de idade Máster, apuntalaron os seus liderados con triunfos Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) nos 60, o portugués Rogerio Matos (Rompe Trilhos) nos 40 e o seu compatriota e compañeiro de equipo Antonio Pasos nos 50, categoría esta última na que Eloy Otero (In Situ) pugnou pola vitoria ata os metros finais. A ausencia por paternidade do terceiro luso que encabeza un ranking da Copa, Augusto Midao, non a desaproveitou Jorge Pérez (Os Esfola Arrós) para dominar nos 30.

Desenlace ao esprint

Tres cuartos de horas de batalla sobre area, terra e asfalto non resultaron suficientes para que a viguesa Carla Fernández (QuéBici-Marcisport) e a porriñesa Aroa Otero (Supermercados Froiz) se separaran na carreira Elite, Sub-23 e Júnior feminina. A repetición do pulso do pasado domingo no trazado da Bouza Vella decidiuse en Boiro ao esprint. Dous desenlaces distintos, pero co mesmo resultado. A líder elite bateu á corredora júnior e, deste xeito, Fernández rubricou o seu quinto éxito absoluto desta campaña. Uxía Soto (Supermercados Froiz), terceira a 2'28, impúxose entre as sub-23.

imagen

O cuarto posto correspondeu á júnior Marta Estévez (XSM) e o quinto á líder sub-23 Sarela Conde (Academia Postal-Maceda). Nas outras dúas categorías da quenda feminina as gañadoras abriron a súa conta de triunfos na Copa Galicia 2023. Alba Gregores (Lynalfa-Ponteareas) estreouse nas cadetes e Nazaret Casal (Máster da Louriña), nas máster-40. 

As clasificacións xerais, tanto as femininas como as masculinas, non rexistran ningunha variación no máis alto. Seguen vestindo de líderes Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) e Xian Alvariño en Cadete, Iris Fernández (Academia Postal-Maceda) e Martín Díaz en Júnior, Sarela Conde e Brais Fernández en Sub-23, Carla Fernández e Samuel González en Elite, Augusto Midao (Rompe Trilhos) en Máster-30, Rocío Blanco (A Forna) e Rogerio Matos en Máster-40, Antonio Passos en Máster-50 e Manuel Bugallo en Máster-60. Os trofeos e camisolas no podio de Boiro entregáronos Ricardo Riveiro, presidente do Club Ciclista Barbanza; Marcos Fajardo, concelleiro de Deportes de Boiro; Santiago Cajaraville, secretario do club organizador; e Juan Carlos Muñiz e David Carrillo, presidente e secretario da Federación Ciclismo Galego (FCG).

imagen

As dúas últimas xornadas da Copa Galicia celebraranse en pleno Nadal: o día 23 en Maceda e o 30 en Nigrán. Toda a información sobre este circuíto de probas podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaCX23.

Clasificacións

 

 

 

GALERÍA DE FOTOS

Dous duelos estelares honran á decana do ciclocrós autonómico
Dous duelos estelares honran á decana do ciclocrós autonómico
Dous duelos estelares honran á decana do ciclocrós autonómico
Dous duelos estelares honran á decana do ciclocrós autonómico
Dous duelos estelares honran á decana do ciclocrós autonómico

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es