Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 24/12/2023 14:38:42

Os sub-23 Anxo Carril e Laura Mira dobregan aos líderes elite no Ciclocrós Castelo de Maceda

Samuel González e Carla Fernández, cos títulos da Copa Galicia garantidos matematicamente a falta dunha xornada, tiveron que conformarse coas segundas posicións na cita ourensá

A júnior feminina e dúas masculinas, a cadete e a máster-30, son as únicas categorías por decidir na Copa Galicia de Ciclocrós despois da disputa da súa oitava e penúltima xornada en Maceda. Unha das clasificacións xerais que quedaron sentenciadas matematicamente este sábado foi a elite feminina. Carla Fernández (QuéBici-Marcisport) garantiuse o título, pero nin ela nin o líder elite masculino Samuel González (Máis Que Bicis) acadaron as vitorias absolutas nas carreiras raíñas. Na cita ourensá do calendario, Laura Mira (Farto) e Anxo Carril (Coruxo) -ambos en idade Sub-23- tomaron o circuíto do Castelo. 

Con escaleiras, taboleiros, un pouco de lama e a súa característica subida sobre asfalto que exerce de recta de saída e de chegada, un dos templos autonómicos desta especialidade acolleu a 231 participantes. A XVI edición do Ciclocrós Castelo de Maceda - Copa Deputación de Ourense abriu o tríptico de Nadal do ciclocrós galego, que se completará coa última xornada da Copa e co Campionato. Ademais das probas de competición, o evento do Clube Ciclista Maceda - Escola José Antonio Hermida contou no seu programa coa quenda de Promoción e coa Carreira Inclusiva. 

Segunda sub-23 o pasado domingo na Copa de España de Valencia, a porriñesa Laura Mira confirmou o seu bo golpe de pedal cando se achega o momento máis decisivo da temporada. A representante do Farto non deu ningún tipo de opción ao resto de ciclocrosistas e con 1 minuto e 31 segundos de vantaxe rubricou a súa segunda vitoria desta campaña na Copa Galicia. A segunda posición correspondeu a Carla Fernández, resultado co que a viguesa certificou o título elite, e terceira concluíu a local e líder sub-23 Sarela Conde (Academia Postal - Maceda), a 2'08 da gañadora absoluta. A elite Iria Nieto (Compostelano) fixo cuarta e o top-5 pechouno a vencedora júnior Iris Fernández (Academia Postal - Maceda), que na súa casa reforzou un liderado que na última xornada só lle pode quitar Sara Peón (XSM).

imagen

Outra corredora que viña de pisar o podio no desenlace da Copa de España dominou nas cadetes. Alejandra Neira (Cambre - Renault Caeiro) impúxose en Maceda por diante da líder Xiana Seijo (Caimanes Betanzos). Unha situación similar deuse nas máster-40 coa portadora da camisola da Copa facendo segunda. Nun axustado duelo, resolto por 15" de diferenza, Nazaret Casal (Máster da Louriña) superou a Rocío Blanco (A Forna).

Primeiro triunfo absoluto

A carreira elite/sub-23 masculina ofreceu a repetición do man a man que hai un mes se viviu en Santiago de Compostela. Daquela decantouse a prol do vigués Samuel González e nesta ocasión triunfou o nigranés Anxo Carril, logrando a súa primeira vitoria absoluta na Copa Galicia de Ciclocrós. O sub-23 do Coruxo soltou na última volta ao elite do Máis Que Bicis -que chegou a Maceda co título da súa categoría xa no peto- e ergueu os brazos na liña de meta con 8" de vantaxe. O elite portugués Roberto Guimaraes entrou terceiro, a 59" do primeiro clasificado, cuarto finalizou o líder sub-23 Brais Fernández (Academia Postal - Maceda) e a quinta praza obtívoa o elite Luis Fernández Oliveira (Avanza - O Porriño).

Tampouco dominaron as súas probas o líder júnior e o cadete. Martín Díaz (Caimanes Betanzos), portador da camisola xuvenil da Copa Galicia, non puido frear a remonta de Alejandro García (Academia Postal - Maceda). O actual campión de España de XCO saíu dos últimos ao tratarse do seu debut esta temporada no calendario de ciclocrós e foi superando a corredores ata que dobregou a Díaz. O carballinés deulle o segundo triunfo da xornada ao club organizador. En canto aos cadetes, o líder Xian Alvariño (Lynalfa-Ponteareas) non tivo unha boa posta en escena no medio da néboa que acompañou aos corredores na primeira carreira do día e, posteriormente, sufriu unha caída que lle obrigou a abandonar. O primeiro posto na xeral mantívoo, pero agora o comparte con Lucas Lozano (XSM), segundo no circuíto ourensán por detrás de Lucas Blanco (Cambre - Renault Caeiro). O maillot de líder segue pertencendo ao ponteareán porque acumula máis vitorias. 

imagen

A sesión de tarde estivo reservada aos masters masculinos e os líderes asinaron un pleno de éxitos cun marcado acento portugués. Os lusos do Rompe Trilhos adxudicáronse a competición máster-30 por medio de Augusto Midao, que ampliou a súa marxe na xeral respecto a Jorge Pérez (Os Esfola Arrós); a máster-40 nun pelexadísimo esprint final no que Rogerio Matos bateu a Moisés Leboso (G.D. 10); e a máster-50 con Antonio Passos anotándose o pulso con José Manuel Comesaña (Monteferro). O triunfo galego protagonizouno Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) nos máster-60. 

A alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo; o médico da proba e tenente de alcaldesa, Celso Sánchez; Xulio Conde e máis representantes do Clube Ciclista Maceda - Escola José Antonio Hermida; o presidente da Federación Ciclismo Galego (FCG), Juan Carlos Muñiz; e o directivo da FCG, Óscar Sánchez, encargáronse de entregar os premios no penúltimo evento da Copa e do calendario 2023 do ciclismo autonómico. O derradeiro terá lugar o vindeiro sábado, día 30, en Nigrán.   

imagen

Toda a información sobre este certame podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaCX23.

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Os sub-23 Anxo Carril e Laura Mira dobregan aos líderes elite no Ciclocrós Castelo de Maceda
Os sub-23 Anxo Carril e Laura Mira dobregan aos líderes elite no Ciclocrós Castelo de Maceda
Os sub-23 Anxo Carril e Laura Mira dobregan aos líderes elite no Ciclocrós Castelo de Maceda
Os sub-23 Anxo Carril e Laura Mira dobregan aos líderes elite no Ciclocrós Castelo de Maceda
Os sub-23 Anxo Carril e Laura Mira dobregan aos líderes elite no Ciclocrós Castelo de Maceda
Os sub-23 Anxo Carril e Laura Mira dobregan aos líderes elite no Ciclocrós Castelo de Maceda

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es