O ciclismo galego despediu o 2023 desfrutando sobre a lama. A Copa autonómica de Ciclocrós clausurouse este sábado no concello pontevedrés de Nigrán con vitorias absolutas nas carreiras raíñas do sub-23 local Anxo Carril (Coruxo) e da elite viguesa Carla Fernández (QuéBici-Marcisport). Unha fin de festa na que antes de que correra a champaña no podio, tocou cargar coas bicicletas ao lombo.
A terceira edición do Ciclocrós Concello de Nigrán ZFV - Porto do Molle obrigou, como ningunha outra proba do calendario desta modalidade na nosa comunidade, a ter que avanzar a pé ante a imposibilidade de darlle aos pedais. Moito barro, moita dureza, no circuíto preparado polo Club Ciclista Coruxo como anfitrión de ao redor de 250 participantes. Unha cifra á que contribuíu o país veciño con 25 especialistas que se achegaron a competir dende Portugal.
A novena e última xornada deste certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego alcanzouse con tres das trece categorías aínda pendentes de definir quen se ía vestir a camisola de líder final. A xeral máis apertada era a cadete, que presentaba un empate a puntos entre os dous primeiros clasificados. Xian Alvariño (Lynalfa-Ponteareas) lucía o maillot da Copa, unha prenda coa que se fixo Lucas Lozano (XSM). O cadete da formación de Marín asinou a segundo posición no triunfo de Pedro Liaño (Caimanes Betanzos), mentres que o representante do conxunto ponteareán non puido revalidar o título ao rematar sexto no trazado de Porto do Molle.
As outras dúas categorías por decidir contaban con líderes que manexaban considerables vantaxes e ambos certificaron os seus primeiros postos no ranking con triunfos. Iris Fernández (Academia Postal - Maceda) impúxose nas juniors ao igual que o portugués Augusto Midao (Rompe Trilhos) nos máster-30.
Exhibición local
Gañador matemático da Copa entre os elites dende a antepenúltima xornada, Samuel González (Máis Que Bicis) non puido participar nesta cita por motivos laborais e iso impediu que se reeditara o duelo da fin de semana anterior en Maceda con Anxo Carril. O sub-23 do Coruxo estreou a súa conta de vitorias absolutas na provincia de Ourense e repetiu na súa casa. O nigranés e ciclista do equipo organizador exhibiuse no lameiro. Cruzou a liña de meta cun tempo de 58 minutos e 8 segundos, avantaxando en 2'26 ao vencedor elite, o portugués Vitor Santos (AXPO). Outro luso, Bruno Silva, obtivo a terceira praza.
Luis Fernández Oliveira (Avanza - O Porriño) -cuarto- completou o podio elite e coas súas mesmas cores o sub-23 David Fernández anotouse o pulso polo quinto posto co elite Miguel Porto (Lynalfa-Ponteareas). Nesta mesma quenda disputouse a carreira júnior, con Alejandro García (Academia Postal - Maceda) non dando opcións ao resto de xuvenís por segunda xornada consecutiva. Ao líder Martín Díaz (Caimanes Betanzos) volveu corresponderlle a segunda posición.
A proba estrela feminina supuxo para a líder elite poñer un broche de ouro á Copa Galicia 2023. Carla Fernández rubricou o seu sexto triunfo absoluto da temporada, cun rexistro de 50'45. A viguesa do QuéBici-Marcisport distanciouse en case dous minutos e medio da tamén elite Iria Nieto (Compostelano), quen acadou o seu mellor resultado desta campaña. A líder sub-23 Sarela Conde (Academia Postal - Maceda) clasificouse terceira e encabezou o seu grupo de idade con claridade por diante de Uxía Soto (Supermercados Froiz). A estrutura alimenticia contou con dobre representación no top-5 que pechou a elite María Jesús Barros.
Sen vitorias das líderes resolvéronse as outras dúas carreiras de mulleres. Alejandra Neira (Cambre - Renault Caeiro) superou á gañadora da xeral cadete Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) e nas máster-40 ergueu os brazos na liña de meta Montse Constenla (San Lázaro) logo de deixar atrás a Rocío Blanco (A Forna), á portadora da camisola da Copa.
Un pleno de triunfos volveron colleitar os masters masculinos que se apuntaron os títulos desta edición do certame autonómico. O portugués Rogerio Matos (Rompe Trilhos) bateu a Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) nos 40, o mesmo fixo o seu compatriota e compañeiro de equipo Antonio Passos con José Manuel Comesaña (Monteferro) nos 50 e Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) dominou nos 60.
Trece títulos
Despois de que transcorreran algo máis de dous meses dende a súa posta en marcha, a última Copa Galicia outorgou os seus premios finais. A nómina de raíñas e reis das trece categorías compuxérona Xiana Seijo e Lucas Lozano en cadetes, Iris Fernández e Martín Díaz en juniors, Sarela Conde e Brais Fernández (Academia Postal - Maceda) en sub-23, Carla Fernández e Samuel González en elites, Augusto Midao nos máster-30, Rocío Blanco e Rogerio Matos en masters-40, Antonio Passos nos máster-50 e Manuel Bugallo nos máster-60.
A entrega de trofeos contou coa presenza de Juan González, alcalde de Nigrán; Sara Penedo, concelleira de Deportes; Roberto Garrido, concelleiro de Cultura; Ana María Meijas, delegada do Estado provisional na Zona Franca de Vigo; Ángel Álvarez, presidente do Club Ciclista Coruxo; e Óscar Sánchez, directivo da FCG.
O ciclocrós baixará definitivamente o pano desta campaña na nosa comunidade o vindeiro domingo co Campionato autonómico en Cambre. Toda a información sobre a Copa Galicia podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaCX23.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es