Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 03/04/2024 12:12:48

Samieira e Ponteareas debutan na Copa Galicia XCO

O calendario consta de oito probas puntuables e actívase este sábado en Coirós

A Copa Galicia de Cross Country Olímpico (XCO) arranca esta fin de semana e case non ofrecerá tregua. Oito probas puntuables en once semanas esixirán regularidade e un pico de forma primaveral ás bikers e aos bikers que aspiren a adxudicarse as clasificacións xerais. Seis citas habituais nos últimos anos e dúas novidades compoñen o calendario deste certame de BTT coordinado pola Federación Ciclismo Galego. 

As primeiras camisolas de líderes, maillots que este ano conmemoran o Campionato de Europa de Ciclocrós do vindeiro mes de novembro en Pontevedra, poranse en xogo este sábado en Coirós. A partir das 16:30 o club Caimanes Betanzos organiza a setima edición do seu XCO. O circuíto de A Cortella volverá ser o escenario desta competición. 

O seguinte domingo a Copa desprazarase ata a provincia de Pontevedra, onde haberá ata cinco citas, para celebrar da man da A.D. Avanza o IV Trofeo XCO Concello do Porriño. Despois desta segunda xornada chegará unha das pequenas parénteses do calendario, pola disputa do penúltimo evento da Copa de España desta especialidade, e o sábado 27 de abril estrearase o XCO Samieira, o debut como anfitrión do club fundado a principios deste ano no concello de Poio. 

No mes de maio haberá xornadas puntuables todas as fins semana. Este carrusel iníciao o C.C. Ribadumia o 5 de maio no XCO Kiwi Atlántico, o seguinte domingo o C.C. Ponteareas recibirá por primeira vez ao pelotón da especialidade olímpica da bicicleta de montaña no XCO Escola Borja Gómez Méndez, o sábado 18 o BTT de Maceda alcanzará a súa XV edición e sete días máis tarde será a quenda da proba decana no calendario autonómico de XCO, do XXIII Gran Premio Concello de Cambre de BTT

Unha vez que se complete 'o maratón de maio', tocará agardar ata o sábado 15 de xuño para a clausura da Copa Galicia XCO 2024. O XaxanBike 24, do club XSM, repartirá en Marín os últimos puntos da temporada. 

Toda a información deste certame pode seguirse na súa páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCO24

GALERÍA DE FOTOS

Samieira e Ponteareas debutan na Copa Galicia XCO

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es