A hexemonía portuguesa na Ruta do Albariño estivo a piques de concluír este mércores, pero continúa. Dende hai seis anos a vitoria no Memorial Modesto Sánchez Alba 'Teto' sempre corresponde a un ciclista dunha formación lusa e esta vez encargouse Guilherme Silva de cumprir co que xa é unha tradición en Cambados. O corredor do Paredes Fortunna superou nun axustadísimo final ao arxentino Santiago Agüero (Stmvoltia-Lasal Cocinas) e o seu triunfo outorgoulle dúas camisolas de líder: a da Copa Galicia do Porvir Júnior e a do Trofeo Miño-Galaico.
A undécima edición da carreira organizada pola Federación Ciclismo Galego (FCG) na comarca do Salnés supuxo un fito histórico nunha relación transfronteiriza. A nosa comunidade e o norte de Portugal estreitaron aínda máis os seus lazos co nacemento do Trofeo Miño-Galaico. A competición creada este ano pola Associação Ciclismo do Minho e a FCG arrancou cun percorrido de 106 quilómetros e cunha única tregua, a que concedeu a chuvia que caeu con intensidade antes de dar a saída.
Unha vez que o pelotón júnior se puxo en marcha, despexouse o ceo e a treboada puxérona os ciclistas co seu pedaleo. A primeira parte do trazado consistía en tres voltas a un circuíto de 22 km nas estradas de Cambados e Ribadumia. Gael García (Padronés Cortizo) apuntouse nunha 'volata' masiva a Meta Volante ao remate do primeiro parcial e durante o segundo o seu compañeiro de equipo Adrián García escapouse xunto a Arón Lorenzo (Cambre). Este dúo chegou a gozar dunha vantaxe superior aos 2 minutos.
A segunda e última Meta Volante disputouse á conclusión da terceira volta. Arón Lorenzo puntuou en primeira posición no inicio da parte máis esixente da xornada. Os derradeiros 40 km transcorrían por un circuíto diferente que incluía a subida ao Alto do Busto. O pelotón botouse enriba dos fuxidos e nas ramplas do porto que se ascendía por Armenteira o gran grupo quedou reducido a once unidades. Diego Souto (Padronés-Cortizo) encabezou esta selección na pancarta de Premio de Montaña.
Dende o cumio do Busto restaban 20 km ata o final e no camiño de volta a Cambados, pasando por Meaño, sucedéronse os ataques ata que dous ciclistas puxeron terra de por medio. O intento bo tivo como protagonistas a Guilherme Silva e a Santiago Agüero. O portugués e o arxentino presentáronse na recta final para medir as súas puntas de velocidade e por centímetros impúxose o representante do Paredes Fortuna. A 10" concluíu o grupo perseguidor con Diego López (Picusa Academy) anotándose a terceira posición por diante dos tamén galegos Alejandro Crende (Padronés Cortizo) e Iván Puentes (Farto), cuarto e quinto, respectivamente.
O gañador na Avenida de Galicia situouse ao mando da xeral da Copa Galicia do Porvir e converteuse no primeiro líder do Trofeo Miño-Galaico. Pertencentes a este novo certame, tamén recibiu a camisola verde dos Puntos e a branca de mellor corredor de primeiro ano. Ademais, o seu equipo venceu na clasificación por escuadras. Diego Souto recolleu o maillot da montaña e Arón Lorenzo, o premio das Metas Volantes.
Coa presenza de Samuel Lago, alcalde de Cambados; Noelia Gómez, concelleira de Deportes; Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra; Joaquim Mendes, presidente da Associação Ciclismo do Minho; José Luis Galdamez, en representación de Arrecadações da Quintã -firma patrocinadora da camisola verde-; e de Óscar Sánchez, directivo da FCG, a cerimonia de podio pechouse recordando a figura de 'Teto'. Nesta homenaxe, especialmente emotiva despois do falecemento durante o inverno do seu fillo Modesto, participaron a súa filla Cristina Sánchez e o seu neto Ángel Sánchez, ciclista profesional no Tavfer portugués. Tamén asistiu Rosa Prado, viúva doutro emblema do ciclismo no Salnés, de Ernesto Falcón.
O Trofeo Miño-Galaico resolverase o 9 de xuño na súa segunda e última cita, o Circuíto Santo António de Amares en Portugal. Pola súa banda, a Copa Galicia do Porvir Júnior celebrará a súa terceira xornada o 11 de agosto no Trofeo Festas de San Roque en Betanzos.
Toda a información sobre o certame autonómico pode atoparse nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPorvir24 e na súa sección dentro desta páxina web.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es