Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 15/05/2024 11:27:13

A Copa Galicia XCO descubriu Ponteareas na súa quinta xornada

Saúl López e Carla Fernández adxudicáronse as carreiras Elite e Sub-23. O cadete Lucas Lozano e o máster-30 Manuel Parada asaltaron os liderados das súas categorías

O calendario da Copa Galicia de Cross Country Olímpico entrou na súa segunda metade cunha estrea. O I Trofeo XCO Concello de Ponteareas supuxo o pasado domingo a incorporación dunha vila tan vinculada ao ciclismo a un certame autonómico do que nunca formara parte. Coas súas vitorias nas carreiras Elite e Sub-23, Saúl López (Academia Postal - Maceda) e Carla Fernández (QuéBici-Marcisport) comandaron a nómina de bikers que inauguraron o palmarés desta proba. 

O Lynalfa - Club Ciclista Ponteareas - Escola Borja Gómez Méndez organizou unha xornada completa de Cross Country no Parque da Bouzavella. Pola mañá celebrou o seu Gran Premio de Mini BTT e pola tarde foi a quenda da quinta xornada puntuable da Copa Galicia XCO 2024. Para a sesión vespertina inscribíronse 239 participantes que se atoparon un circuíto revirado e trepidante. 

A diferenza do domingo anterio en Ribadumia, correuse sobre terreo seco. Con outras condicións e nun circuíto de características diferentes, Saúl López tamén fixo valer o seu ritmo e volveu gañar en solitario. O elite monfortino do Academia Postal - Maceda sumou a súa terceira vitoria desta campaña na Copa Galicia XCO. En Ponteareas volveu vencer por diante do líder Rubén Deaño (Ourense Termal), a quen desta vez superou por 47 segundos. Nun podio elite idéntico ao do XCO Kiwi Atlántico, Alberto Pedreira (Bici Verde) ocupou o terceiro chanzo. 

imagen

A cuarta praza absoluta obtívoa o líder sub-23 Martín Sestelo (Avanza - O Porriño) e quinto finalizou o elite Daniel Herráez (Xesteiras). En canto aos juniors, Martín Díaz (Caimanes Betanzos) apuntouse o triunfo antes de que Antonio Casal (Cambre) batera ao esprint ao líder Adrián Caamaño (Caimanes Betanzos) no duelo pola segunda praza. 

Outro emocionante desenlace rexistrárase na carreira cadete con Lucas Lozano (XSM) dobregando nos metros finais a Arón Gómez (Coruxo), unha vitoria que ademais permitiu ao biker do conxunto de Marín recuperar a camisola de líder. O primeiro posto da xeral tamén o asaltou o vencedor máster-30 Manuel Ángel Parada (Xesteiras). No resto de categorías masculinas os líderes mantiveron a súa condición de invictos: Guillermo García (Avanza - O Porriño) nos infantís, Jorge Aguín (Moto Bike) nos máster-40, Antonio Rodríguez (Ourense Termal) nos máster-50 e Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) nos máster-60.

imagen 

A versátil Carla Fernández abriu a súa conta de triunfos na Copa Galicia XCO 2024 no mesmo escenario onde o pasado outono ergueu os brazos no certame autonómico de ciclocrós. A elite viguesa avantaxou en dous minutos e medio á corredora local Uxía Soto (Extol-Zambora), primeira sub-23, e a elite Rebeca Fontela (Máis Que Bicis) acadou o terceiro posto absoluto. Dúas bikers que non competiron no Parque da Bouzavella, a elite Juana Vidal (Moto Bike) e a sub-23 Sofía Álvarez (Cambre), continúan como líderes. 

Lucindo a camisola da Copa impuxéronse a júnior Marta Estévez (XSM), a infantil Marta Utrera (Armenteira e Punto) e a máster-40 Silvia García (Bici Verde). Pola súa banda, Iris Santana (Coruxo) dominou en solitario nas cadetes por diante da líder Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) e terceira nesta categoría concluíu Alba Gregores (Lynalfa - Ponteareas). 

imagen

O padriño deste evento, o ciclista Borja Gómez, presidiu a entrega de premios e estivo acompañado por outros membros do club organizador e por Óscar Sánchez, directivo da Federación Ciclismo Galego. Unha cerimonia na que por segunda xornada consecutiva o Cambre recolleu o trofeo de mellor equipo da xornada. 

A seguinte cita da Copa Galicia, a sexta e antepenúltima, chegará este sábado en Maceda. Toda a información do certame galego de XCO pode seguirse no seu apartado web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCO24.

imagen

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

A Copa Galicia XCO descubriu Ponteareas na súa quinta xornada
A Copa Galicia XCO descubriu Ponteareas na súa quinta xornada
A Copa Galicia XCO descubriu Ponteareas na súa quinta xornada
A Copa Galicia XCO descubriu Ponteareas na súa quinta xornada
A Copa Galicia XCO descubriu Ponteareas na súa quinta xornada

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es