Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 28/05/2024 12:30:08

Alejandra Neira, Xian Rodríguez e Raquel Dias abren a súa conta de vitorias na Copa Galicia 2024

O Trofeo Concello de Carballo exerceu de segunda cita puntuable para o certame autonómico Do Porvir

Tres categorías da Copa Galicia do Porvir compartiron programa o pasado sábado coas Escolas nunha das clásicas do calendario de Estrada, o Trofeo Concello de Carballo. Para as cadetes, os cadetes e as juniors tratouse da segunda proba puntuable para o certame autonómico e ninguén repetiu triunfo respecto á primeira xornada celebrada en Boiro. O percorrido pola comarca de Bergantiños provocou un cambio de líder. 

O evento organizado polo Club Ciclista Carballo rozou os 200 participantes e a súa carreira máis longa alcanzou os 52,9 quilómetros. O habitual trazado desta cita, na que o pelotón tamén circula por Coristanco, completouno en cabezza unha decena de ciclistas, grupo no que houbo representación das tres categorías da Copa Galicia do Porvir. O cadete Xián Rodríguez (Padronés-Cortizo) foi o primeiro en cruzar a liña de meta por diante de dous corredores do Emico & Erbi Bembibre,  Víctor Delgado e Manuel Ángel Corral, segundo e terceiro respectivamente. Xunto a eles entrou Artai Barros (Compostelano) e a gañadora cadete feminina. Alejandra Neira (Cambre) logrou a vitoria e vestiuse de líder do certame que se adxudicou o ano pasado. 

As seguintes en rematar foron dúas corredoras da Selección de Portugal que lograron os dous primeiros postos nas juniors para o combinado luso. A vencedora Raquel Dias ergueu os brazos xunto a Daniela Simao. A continuación, Anxo Suárez (Padronés-Cortizo) finalizou quinto na súa categoría, o líder Adrián Prieto (Emico & Erbi Bembibre) fixo sexto -resultado que lle serviu para manter a camisola da Copa Galicia do Porvir-, e a Anxo Delgado (Compostelano) correspondeulle a sétima praza. 

Medio minuto despois decidiuse o terceiro posto júnior feminino, con Xiana Camiña (Becani) evitando a tripla da Selección de Portugal e consolidando a súa condición de líder. A redondelana bateu ao esprint ás lusas Bruna Gonçalves e Maria Marques. A escasos segundos deste trío concluíu a portadora do maillot de líder cadete Irene Signo (TenerifeBikePoint), segunda en Carballo e que na xeral queda empatada a 270 puntos con Alejandra Neira. Nesta categoría o terceiro chanzo do caixón na entrega de premios ocupouno Inés Santalla (Cambre).  

O certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego continuará o 15 de xuño no Gran Premio San Roque en Viveiro, penúltima xornada puntuable para as cadetes, os cadetes e as juniors. Toda a información sobre este circuíto de probas podes atopala na súa sección dentro desta páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPorvir24. 

En canto ás categorías de Escolas, as vitorias en Carballo acadáronas Xiana González (Barbanza) e Alen Pérez (Lynalfa - Ponteareas) en Promesas, Martina Gómez (Betanzos) e Xoán Sande (Barbanza) en Principiantes, Estela Yáñez (Tríatlon Coruña) e Antón Viña (Tríatlon Coruña) en Alevíns, e Vega Aldrey (Cambre) e Ariel Soto (Cambre) en Infantís. 

Clasificacións

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es