Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 28/05/2024 17:28:35

Gustavo Santiago, Mesneiro, Tajes e Riol gañan a Copa Galicia Máster na Estrada

Javier García (Tríatlon Vilalba) logrou a vitoria absoluta na clausura do certame

Por segunda temporada consecutiva a Copa Galicia Máster concluíu na Estrada e fíxoo renovando por completo a súa nómina de líderes finais. O máster-30 Gustavo Santiago (Ciclismo-Tríatlon Poio), o máster-40 José Ignacio Méndez 'Mesneiro' (Aerodynamics), o máster-50 José María Tajes (Norinver) e o máster-60 Jose Carlos Riol (ADO Moure) conqustaron o pasado sábado as clasificacións xerais do certame que coordina a Federación Ciclismo Galego (FCG). Na súa cuarta e última xornada puntuable,unha fuga de tres unidades sorprendeu ao pelotón e o máster-30 Javier García (Tríatlon Vilalba) apuntouse o triunfo absoluto nun día pasado por auga.  

Chuvia e percorrido coñecido na décima edición do Trofeo Ciclismo Concello da Estrada, organizado polo Club Ciclista Cidade de Santiago. Un centenar de participantes afrontou os habituais 80 quilómetros desta carreira, que no 2022 exerceu de Campionato de Galicia. Unha clásica do calendario autonómico na que esta vez triunfou a escapada. Javier García, o tamén máster-30 Lázaro López (Aerodynamics) e o máster-40 Juan José Bodelo (Compostelano) evitaron un desenlace con volata ao bastarlles unha vintena de segundos para xogarse entre eles o triunfo na recta de meta. 

O corredor do Tríatlon Vilalba fixo valer a súa punta de velocidade por diante de Juan José Bodelo e terceiro entrou Lázaro López. O esprint do pelotón encabezouno Mesneiro, certificando o seu título máster-40 da Copa Galicia, por diante do máster-30 Pablo Brandariz (Xesteiras), que fixo quinto. Formando parte deste mesmo grupo terminaron o líder máster-30 Gustavo Fernández e os dous primeiros máster-50. José María Tajes bateu a Juan Manuel Toribio (Aerodynamics) e arrebatoulle o primeiro posto da xeral por unha diferenza de unicamente dez puntos. 

imagen

O cadro de gañadores deste circuíto de probas completouno o máster-60 Jose Carlos Riol. As outras tres carreiras da Copa Galicia Máster 2024 celebráronse en Ribadeo, O Saviñao e Mos. A clausura tivo lugar na Estrada, onde encargáronse de entregar os premios Ismael Pena, concelleiro de Deportes; directivos do Cidade de Santiago; e Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG. Ao podio tamén subiron os tres mellores juniors da xornada, con Iván Puentes (Team Farto - BTC) no chanzo máis alto. 

A seguinte cita no calendario máster chegará este domingo coa disputa do Campionato de Galicia en Sigüeiro. O prazo para inscribirse remata este mércores. Fai click nesta ligazón para apuntarte.

Toda a información sobre a Copa Galicia Máster podes atopala nas redes sociais a través do hashtag #CopaGaliciaMáster24 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.

Clasificacións

 

 

GALERÍA DE FOTOS

Gustavo Santiago, Mesneiro, Tajes e Riol gañan a Copa Galicia Máster na Estrada
Gustavo Santiago, Mesneiro, Tajes e Riol gañan a Copa Galicia Máster na Estrada
Gustavo Santiago, Mesneiro, Tajes e Riol gañan a Copa Galicia Máster na Estrada
Gustavo Santiago, Mesneiro, Tajes e Riol gañan a Copa Galicia Máster na Estrada
Gustavo Santiago, Mesneiro, Tajes e Riol gañan a Copa Galicia Máster na Estrada
Gustavo Santiago, Mesneiro, Tajes e Riol gañan a Copa Galicia Máster na Estrada

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es