A Copa Galicia de Cross Country Olímpico chegou o pasado sábado á última parada do tramo máis frenético do seu calendario. A quinta fin de semana consecutiva con carreira foi a da proba decana do XCO autonómico. O XXIII Gran Premio Concello de Cambre de BTT deixou vistas para sentenza a maioría das clasificacións xerais a falta dunha xornada puntuable. Entre as categorías que aínda están por resolverese, as tres femininas nas que se rexistrou un cambio de líder: júnior, sub-23 e elite.
O circuíto coñecido como A Catedral congregou a 222 fieis do XCO. O tempo respectou, nada que ver co sábado anterior en Maceda, e os participantes puideron percorrer sen enlamarse un dos trazados máis técnicos e duros da nosa comunidade O Club Ciclista Cambre non só exerceu de perfecto anfitrión, senón que ademais conseguiu o trofeo de mellor equipo desta cita, a sétima e penúltima do certame autonómico.
A nivel individual, Saúl López (Academia Postal - Maceda) volveu impoñer a súa lei na carreira elite e sub-23 masculina. A súa cuarta vitoria desta campaña asinouna malia ceder 46" na primeira das cinco voltas respecto ao líder Rubén Deaño (Ourense Termal). O monfortino rebaixou esa desvantaxe a 11" no segundo parcial e no terceiro xa tomou o mando. Cun tempo na liña de meta de 1 hora 24 minutos e 32", superou por 1'27" ao segundo clasificado, que mantén a camisola de primeiro na xeral e ten o título case que no peto. Alberto Pedreira (Bici Verde) bateu ao esprint a Jorge Punzón (Cosmos) no man a man pola terceira praza elite.
Exceptuando a carreira júnior, na que gañou Adrián Caamaño (Caimanes Betanzos) e o seu compañeiro de equipo Martín Díaz continúa no máis alto do ranking, e a máster-60, con triunfo de Óscar Lorenzo (Bici Verde) ante o ata esta xornada invicto Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas), no resto de categorías masculinas venceron os líderes: Guillermo García (Avanza-O Porriño) nos infantís, Lucas Lozano (XSM) nos cadetes, Martín Sestelo (Avanza - O Porriño) nos sub-23, Manuel Ángel Parada (Xesteiras) nos máster-30, Jorge Aguín (Moto Bike) nos máster-40 e Antonio Rodríguez (Ourense Termal) nos máster-50.
A competición elite e sub-23 feminina estreou gañadora. Raquel Román (Bici Verde) acadou o seu primeiro triunfo na Copa Galicia XCO. A biker elite fíxoo con 4'24" de marxe sobre a sub-23 Sofía Álvarez (Cambre), que recuperou o maillot de líder. Tamén volve encabezar a súa categoría a elite Juana Vidal (Moto Bike), terceira absoluta na Catedral.
Houbo unha terceira corredora que regresou ao primeiro posto da xeral. A júnior Marta Estévez (XSM) desbancou a Yaiza Vila (Team Bike Outeiro de Rei), segunda en Cambre. A carreira infantil dominouna Lara Fernández (Pulpeiros Mugardos) por diante da imbatida nas seis primeiras xornadas Marta Utrera (Armenteira e Punto), e as outras vitorias femininas corresponderon ás líderes cadete, Iris Santana (Coruxo), e máster-40, Silvia García (Bici Verde).
A Copa Galicia XCO retornará o 15 de xuño para pechar o seu calendario 2024 no XaxanBike. Antes, este sábado, disputarase o Campionato de Galicia da especialidades en Poio.
Toda a información sobre este certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego podes atopala na súa sección desta páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCO24.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es