Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 05/06/2024 14:06:33

Vilagarcía estreouse cunha festa na Copa Galicia de Pump Track

O Val do Ulló asinou os dous mellores tempos scratch co sub-23 Iván García e a júnior Alba Fernández

Festa por todo o alto na segunda xornada da Copa Galicia de Pump Track. A estrea do Gran Premio Vilagarcía, da man do Arousa Bike BTT, ofreceu baile dentro e fóra da pista da Florida. Unha tarde de diversión para os riders e o público que tivo ao Val de Ulló como gran triunfador. 

Mes e medio despois da apertura do seu calendario 2024 en Moaña, o certame autonómico regresou con 114 participantes. Co sol pegando duro na capital da comarca de Arousa, o mellor rexistro de todos os inscritos marcouno na primeira quenda o júnior Saúl Vilar (BMX Cromoly). A súa marca de 9 segundos e 157 milésimas parecía inalcanzable, pero na segunda manga o sub-23 Iván García (Val do Ulló) rachou as previsións detendo o reloxo en 9"093. Da barreira dos nove segundos e medio tamén conseguiu baixar o segundo clasificado sub-23 Raúl Gándara (Pontebike) cun tempo de 9"332. 

Os gañadores masculinos no resto de categorías da Copa Galicia foron: Pablo Román (Siete Club) nos elites, Pedro Fernández (OsdoSacho) nos cadetes, Bruno García (THC Bike) nos infantís, Saúl Moreira (Siete Club) nos máster-30, Jose Sánchez (Bueu) nos máster-40 e Alberto Pérez (VigoEnduro) nos máster-50. 

imagen

O Val do Ulló, gañador por equipos desta xornada, tamén se apuntou o scratch feminino. A júnior Alba Fernández, unha semana despois de lograr en Ainsa (Huesca) a súa clasificación para o Campionato do Mundo, voou en Vilagarcía cun rexistro de 9"998. A segunda posición absoluta correspondeu á líder elite Yuli Paola Rey (Kamikazes), cun tempo de 11"180 na súa mellor volta, e a terceira á gañadora infantil Paula Rodríguez (Maese Riders), cun 'crono' de 11"683 na primeira quenda. As vitorias masters acadáronas Tamara Santos (THC Bike) nas 30, Cristina Romero (Ribadumia) nas 40 e Rosa López (Maese Riders) nas 50. 

Sen puntos en xogo para Copa Galicia tamén se disputaron as categorías de escolas. En promesas subiron ao máis alto do podio Carla Rodríguez (Ribadumia) e Álvaro Costas (BMX Cromoly), en principiantes Sofía Núñez (Ribadumia) e Leo Díaz (Val do Ulló) e en alevíns Vera Rodríguez (Avanza - O Porriño) e Daniel Díaz (Val do Ulló).

imagen

O alcalde Alberto Varela non se perdeu unha cerimonia de entrega de premios na que recibiron as camisolas de líderes do certame autonómico Paula Rodríguez e Izan Lago (A Forna) en Infantil, Pedro Fernández en Cadete, Alba Fernández e Saúl Vilar en Júnior, Iván García en Sub-23, Yuli Paola Rey e Alejandro Pérez (Maese Riders) en Elite, Tamara Santos e Saúl Moreira en Máster-30, Cristina Romero e Jose Sánchez en Máster-40, e Rosa López e Alberto Pérez en Máster-50. A cadete Ainoa Posada (Lynalfa Ponteareas) e a sub-23 Sofía Ferreiro (Esmelle), ausentes nesta cita, tamén encabezan as xerais das súas categorías.

A Copa Galicia de Pump Track desprázase este domingo a Xove para desfrutar da súa terceira xornada puntuable. Toda a información sobre este circuíto de probas podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPT24.

Clasificacións 

 

 

 

GALERÍA DE FOTOS

Vilagarcía estreouse cunha festa na Copa Galicia de Pump Track

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es