Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 26/08/2024 20:04:43

Tomás Pombo gaña por partida dobre como local: Trofeo Júnior Carballo e a xeral da Copa Galicia do Porvir

Andrei Stetsiv adxudicouse a xeral da Challenge

Á Copa Galicia do Porvir 2024 faltáballe un nome para completar o seu póker de líderes finais desta temporada e a clasificación xeral que quedaba por pechar decidiuse, con importante remonta incluída, durante a VI Challenge Júnior Carballo. A segunda xornada dos tres días de ciclismo que organizou o Club Ciclista Carballo era puntuable para o certame autonómico e un corredor do concello anfitrión apuntouse o dobre premio que había en xogo o pasado sábado. Tomás Pombo (Padronés Cortizo) venceu no Trofeo Júnior Carballo e asaltou o trono da competición coordinada pola Federación Ciclismo Galego

Despois de obter a terceira posición o venres na contra o reloxo inaugural de 3 quilómetros entre Razo e Montoneme, rematando a 21 segundos do gañador Emilio García (Maguisa Guijuelo), a Tomás Pombo non se lle escapou a vitoria ao día seguinte. Un percorrido de 104 quilómetros, con saída e chegada en Carballo, resolveuse con altas doses de emoción. O carballés do Padronés Cortizo impuxo a súa punta de velocidade na recta de meta ante Iker Díaz (Polti Kometa) e Mateo Pablo Ramírez (Ciudad de Talavera), os seus acompoñantes no trío que avantaxou en 8 segundos a outros tres ciclistas, entre eles o líder Emilio García. 

Os 150 puntos sumados polo gañador do Trofeo Júnior Carballo permitíronlle escalar seis postos na xeral da Copa Galicia do Porvir e facerse co título xuvenil masculino. O terceiro clasificado esta campaña na Copa de España comandou finalmente a táboa do certame autonómico con 290 puntos, superando en 62  ao arxentino Santiago Agüero (STMVoltia), o ciclista que se presentou como líder na cuarta e derradeira cita puntuable. O terceiro chanzo no podio ocupouno o abulense Emilio García. 

Deste xeito, Tomás Pombo uniuse á júnior Xiana Camiña (Becani), ao cadete Adrián Prieto (Emico & Erbi Bembibre) e á cadete Irene Signo (Tenerifebikepoint) na nómina de gañadoras e gañadores da Copa Galicia do Porvir 2024. Toda a información sobre este circuíto de probas podes atopala na súa sección dentro desta páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPorvir24. 

imagen

A sexta edición da Challenge Júnior Carballo despediuse o domingo coa súa segunda xornada pertencente ao calendario estatal. O trazado de 93 km e meta en Pedra do Sal provocou unha revolución na parte alta da xeral. O cordobés Víctor Díaz (Grupo Serman) logrou o triunfo parcial e o quinteto de cabeza pechouno o cántabro Andrei Stetsiv (Camargo-Beko), que conquistou a camisola amarela da Challenge por 8" de marxe respecto a Mario Bermejo (Maguisa Guijuelo). O mellor galego no global dos tres días foi Lois de Jesús (Picusa Academy), na sexta praza. 

Clasificacións 

Foto 2: Basilio Bello / La Voz de Galicia 

 

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es