Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 25/11/2024 12:45:47

Sarela Conde prolonga a súa xeira triunfal en Esmelle

A última manga da sexta xornada da Copa Galicia de Ciclocrós non se puido disputar por mor das adversas condicións meteorolóxicas

A borrasca Bert privou este domingo á Copa Galicia de desfrutar da quenda raíña masculina na súa sexta xornada da temporada. A organización do VIII Ciclocrós Val de Esmelle, os membros do Comité Técnico de Árbitros e os representantes da Federación Ciclismo Galego acordaron suspender a última manga debido aos fortísimos refachos que se rexistraron no circuíto ferrolán. Antes de que a intensidade do vento se disparara, tres clasificacións xerais cambiaron de líder e a sub-23 Sarela Conde (Academia Postal - Maceda) prolongou a súa xeira de vitorias absolutas. 

O evento do Club Esmelle alcanzou os 244 inscritos e pechou, ao día seguinte da proba de Cambre, a fin de semana máis intensa do calendario da Copa Galicia. O programa de carreiras transcorreu segundo o previsto ata que as adversas condicións meteorolóxicas provocaron a cancelación da quenda na que ían competir os corredores júnior e os elite e sub-23. Deste xeito, non se repartiron puntos para estas categorías e aos ciclocrosistas elite devolveráselles a inscrición abonada. 

imagen

A última manga que se celebrou foi a feminina, coa gañadora no Rosal e en Cambre sumando o seu terceiro triunfo consecutivo na máxima categoría. A sub-23 Sarela Conde dominou nesta ocasión con moita autoridade. A macedá avantaxou en 1 minuto e 35 segundos a María Filgueiras (XSM) e en 20" máis á líder sub-23 Uxía Soto (Extol Zambora). A primeira elite, Iria Nieto (Team Oiense), rematou cuarto por diante de María Jesús Barros, o que lle permitiu desbancar do máis alto da xeral á corredora do Supermercados Froiz. 

Tamén repetiu éxito o Cambre, de novo gañador por clubs ao igual que na véspera. O mellor equipo en Esmelle apuntouse dúas vitorias femininas: Lara Pita impúxose nas júnior e Vega Aldrey, nas cadetes. A nómina de vencedoras no trazado de Esmelle completárona a infantil Uxía Giráldez (Avanza - O Porriño), a nova líder máster-40 Marina González (Illas Cíes) e a máster-50 María Sonsoles González (In Situ). 

imagen

Entre as carreira masculinas que se puideron disputar sobresaíu a cadete pola súa emoción. O líder Guillermo García (Avanza - O Porriño) apuntouse o triunfo no duelo a tres con Aarón Rodríguez (Lynalfa-Ponteareas), segundo, e Pedro Cidrás (XSM), terceiro. Dobre premio, vitoria e situarse como novo líder, obtívoo o infantil Mateo Hermida (Lynalfa-Ponteareas). En canto aos grupos de idade máster, o póker de gañadores compuxérono Aquiles Sordo (Caimanes Betanzos) nos 30, Andrés Calvete (Monte Xalo) nos 40, Eloy Otero (In Situ) nos 50 e o flamante campión continental Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport) nos 60. 

Unha vez superado o ecuador do seu calendario, a Copa Galicia ten como líderes a Clara Pintos (Lynalfa-Ponteareas) e Mateo Hermida en Infantil, Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) e Guillermo García en Cadete, Alba Gregores (Lynalfa - Ponteareas) e Pedro Liaño (Cambre) en Júnior, Uxía Soto e Martín Díaz (XSM) en Sub-23, Iria Nieto e Luis Fernández Oliveira (Avanza - O Porriño) en Elite, Aquiles Sordo en Máster-30, Marina González e Andrés Calvete en Máster-40, María Sonsoles González e José Manuel Gómez Bestilleiro (Xesteiras) en Máster-50, e Darío Buceta (Farto) en Máster-60. 

imagen

Os premios en Esmelle encargáronse de entregalos Ricardo Aldrey, concelleiro de Deportes de Ferrol; Antonio Grandal, presidente do club organizador; e Óscar Sánchez, vicepresidente da Federación Ciclismo Galego. A próxima cita da Copa Galicia chegará o venres 6 de decembro en Boiro. 

Toda a información sobre este certame autonómico está dispoñible na súa sección dentro desta mesma páxina web e tamén podes atopala nas redes socias a través do cancelo #CopaGaliciaCX. 

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Sarela Conde prolonga a súa xeira triunfal en Esmelle
Sarela Conde prolonga a súa xeira triunfal en Esmelle
Sarela Conde prolonga a súa xeira triunfal en Esmelle
Sarela Conde prolonga a súa xeira triunfal en Esmelle
Sarela Conde prolonga a súa xeira triunfal en Esmelle
Sarela Conde prolonga a súa xeira triunfal en Esmelle

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es