A proba decana do ciclocrós galego abriu este venres unha ponte da Constitución con dobre entrega da Copa Galicia. O Ciclocrós Concello de Boiro alcanzou a súa XXXVII edición e no fermoso circuíto de Praia Xardín, co seu característico treito de area, anotáronse os triunfos absolutos dous sub-23 que representaron a España no pasado Campionato de Europa celebrado en Pontevedra. Laura Mira (Farto) e Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) impuxeron a súa lei na sétima xornada do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego.
O evento organizado polo Club Ciclista Barbanza tivo cantidade -con 302 inscritos- e calidade na súa participación. Gañadora esta temporada na cita de Betanzos, Laura Mira levouse o duelo coa tamén porriñesa e internacional española sub-23 Aroa Otero (Supermercados Froiz). A corredora do Farto abriu un oco de 11 segundos na primeira das catro voltas e a partir de aí foi incrementando a súa vantaxe ata vencer por 47". A terceira praza acadouna a líder sub-23 Uxía Soto (Extol-Zambora.es), cuarta finalizou a gañadora elite Carla Fernández (QuéBici-Marcisport) e quinta fixo a líder elite Iria Nieto (Team Oiense).
O sétimo clasificado sub-23 no Europeo estreouse na Copa Galicia desta campaña cunha traballada vitoria. O ponteareán Miguel Rodríguez marchouse en solitario na volta inicial, pero a súa diferenza nunca superou o medio minuto. O elite Samuel González (Máis Que Bicis) e o sub-23 Anxo Carril (Supermercados Froiz) formaron un dúo perseguidor ao que se uniu o sub-23 Fabián Rodríguez (Cambre) no último dos seis parciais. Dez segundos despois de que cruzara a liña de meta o vencedor, Samuel González bateu ao esprint a Fabián Rodríguez e Anxo Carril, terceiro e cuarto respectivamente. O top-5 completouno o elite iván Feijoo (Academia Postal - Maceda).
Houbo un terceiro internacional español que subiu ao máis alto do podio en Boiro. O júnior Néstor Frías (Academia Postal - Maceda) decantou ao seu favor o pulso con Lois Gómez na carreira xuvenil. O resto de categorías domináronas Lara Pita (Cambre) nas júnior, Nerea Soto (Lynalfa-Ponteareas) e Guillermo García (Avanza - O Porriño) en Cadete, Clara Pintos (Lynalfa-Ponteareas) e Mateo Hermida (Lynalfa-Ponteareas) en Infantil, Diego Álvarez (V Bikes) en Máster-30, Nazaret Casal (De La Fuente) e Andrés Calvete (Monte Xalo) en Máster-40, María Sonsoles González (In Situ) e Eloy Otero (In Situ) en Máster-50, e o campión continental Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport) en Máster-60.
O Lynalfa-Ponteareas recibiu o trofeo como mellor club da xornada e na entrega de premios rexistrouse un único cambio de líder, con Jana Buba (Coruxo) recuperando a primeira posición na xeral máster-40. No máis alto dos rankings mantéñense Clara Pintos e Mateo Hermida en Infantil, Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) e Guillermo García en Cadete, Alba Gregores (Lynalfa-Ponteareas) e Pedro Liaño (Cambre) en Júnior, Uxía Soto e Martín Díaz (XSM) en Sub-23, Iria Nieto e Luis Fernández Oliveira (Avanza - O Porriño) en Elite, Aquiles Sordo (Caimanes Betanzos) en Máster-30, Andrés Calvete en Máster-40, María Sonsoles González e José Manuel Gómez Bestilleiro (Xesteiras) en Máster-50, e Darío Buceta (Farto) en Máster-60.
A Copa Galica regresará mañá domingo en Brión, a partir das 10:00 horas, coa súa oitava e antepenúltima proba do seu calendario. Toda a información sobre este certame autonómico está dispoñible na súa sección dentro desta mesma páxina web e tamén podes atopala nas redes socias a través do cancelo #CopaGaliciaCX.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es