Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 27/05/2025 20:59:59

Tripla do Cambre na Copa Galicia do Porvir de Carballo

A júnior Inés Santalla, o cadete Héctor Rodríguez e a cadete Vega Aldrey anotáronse as vitorias e locen as camisolas de líderes

O Club Ciclista Carballo organiza cada ano dous eventos do calendario da Copa Galicia do Porvir e o primeiro desta temporada tivo como gran triunfador a outra escuadra coruñesa. O Cambre marcouse unha tripla o pasado sábado na terceira xornada puntuable do certame autonómico de estrada para cadetes e júniores femininas. A júnior Inés Santalla, o cadete Héctor Rodríguez e a cadete Vega Aldrey lideraron a tarde perfecta do seu equipo. 

A gran atracción na liña de saída do Trofeo Concello de Carballo 2025 era unha corredora xuvenil que ata esta campaña pertencía ao Cambre, pero agora milita no Baqué Movistar Team. A santiaguesa Alejandra Neira volvía competir en Galicia despois de abraiar a nivel internacional con seu terceiro posto no Tour do Gévaudan en Francia. Porén, unha avaría mecánica penalizouna e a vitoria júnior non a deixou escapar Inés Santalla. A líder da xeral impúxose por 1 minuto e 7 segundos de marxe respecto a Neira e, deste xeito, prolongou a súa condición de invicta. Alba Gregores (Lynalfa-Ponteareas) fixo terceira. 

imagen

O percorrido de 52 quilómetros resolveuse entre os cadetes co segundo triunfo consecutivo na Copa Galicia do Porvir de Héctor Rodríguez. O representante do Cambre presentouse na liña de meta da Avenida de Milagrosa con 27 segundos de vantaxe sobre un reducido grupo de perseguidores, composto por seis unidades, no que Aarón Rodríguez (Lynalfa-Ponteareas) acadou a segunda posición. Lucas Blanco (Cambre), concluíu terceiro, cedendo a camisola de líder ao seu compañeiro de equipo e gañador en Carballo. 

imagen

A carreira cadete feminina tamén chegou decidida aos últimos metros. Vega Aldrey só coñece esta temporada o primeiro posto no certame que coordina a Federación Ciclismo Galego. A 25 segundos da ciclista do Cambre rematou Leire García (Lynalfa-Ponteareas), a máis rápida no esprint pola segunda praza. O podio completouno Tania Rodríguez (Teis).

A Copa Galicia do Porvir regresará o 28 de xuño en Cuntis coa última xornada puntuable para as dúas categorías de cadetes e para a júnior feminina. O seu calendario da temporada 2025 pecharase o 30 de agosto co Trofeo Júnior Carballo, cita dedicada en exclusiva aos xuvenís masculinos. 

Toda a información sobre esta competición podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPorvir25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.

imagen

O Trofeo Concello de Carballo non se limitou á Copa Galicia do Porvir. Con 215 participantes en total, disputáronse probas de Escolas. Ao máis alto do caixón subiron Jimena Paleo (Viveiro) e Xoel Pose (Carballo) en Promesa, Iria Ruiz (Betanzos) e Daniel Baleirón (Barbanza) en Principiante, Vera Rodríguez (Lasal Cocinas - Craega) e Xian Cerezo (Viveiro) en Alevín, e Estela Yáñez (Tríatlon Coruña) e Hugo Pita (Tríatlon Betanzos) en Infantil. 

Clasificacións

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es