09 DE JUNIO DE 2025
Fotos: Concello de Oroso
Máis emoción, imposible. A xeral Máster-30 da Copa Galicia decidiuse este domingo nun esprint que tivo como principais protagonistas aos tres corredores que optaban ao título. Entre eles só había 10 puntos de diferenza, é dicir, o máis rápido na recta final do VIII Memorial Fernando Abad en Sigüeiro sería o campión do certame no seu grupo de idade. Pablo Fernández (Cidade de Santiago), que chegaba como terceiro clasificado á quinta e última cita puntuable da temporada, impuxo a súa potencia e asinou un dobre sorpasso.
Con saída e meta no concello de Oroso, o percorrido de 78,4 quilómetros deseñado polo Tambre Bike para lembrar a figura de quen foi o seu presidente completouse sen que o pelotón se rachara. Despois de transitar polas estradas de Trazo, Tordoia e Ordes, os tres primeiros no ranking Máster-30 da Copa encabezaron o grupo principal nun desenlace esixente. Ao líder Gustavo Santiago (Ciclismo-Tríatlon Poio) e a Samuel García (Norinver) -ambos igualados a 450 puntos- bateunos Pablo Fernández, que sumaba 440 puntos antes do esprint que o cambiou todo.
O corredor do Cidade de Santiago gañou a carreira e conquistou a xeral Máster-30. Logrou o título con 590 puntos, 20 máis que Samuel García e superando por 40 a Gustavo Santiago. Por detrás deles cruzou a liña de meta Diego Álvarez (Aerdoynamics), o vencedor máster-40 en Sigüeiro ante Iago Alonso (Chantadino). A partir do quinto clasificado 'picáronse' segundos e, a 13" do gañador absoluto, Manuel González (Lasal Cocinas-Craega) dobregou a Juan Manuel Toribio (Aerodynamics) no pulso polo triunfo Máster-50.
A camisola de líder só cambiou de propietario nos Máster-30. Saúl Torres (Norinver) certificou o seu primeiro posto na táboa dos 40 , mentres que Luis Alberto Paredes (Ciclismo-Tríatlon Poio) nos 50 e Enrique Vázquez (Tambre Bike) nos 60 xa sentenciaran os seus grupos de idade na anterior xornada.
Ribadeo, Volta a Lugo, Challenge As Rías Baixas, A Estrada e o Memorial Fernando Abad compuxeron esta temporada o calendario do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galega. Unha vez finalizada a súa Copa, o pelotón máster galego xa se prepara para o Campionato autonómico de fondo, o vindeiro día 21 en Ordes.
Toda a información sobre a Copa Galicia Máster podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaMáster25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.
FORMACIÓN
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
CARRETERA
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es