Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Tomás Pombo asina a primeira vitoria galega no palmarés da Domaio Heroica - Desafío Delio Fernández

15 DE JUNIO DE 2025

O corredor carballés do Padronés Cortizo impúxose en solitario logo de atacar nas ramplas de San Lourenzo

Tomas-Pombo-asina-a-primeira-vitoria-galega-no-palmares-da-Domaio-Heroica---Desafio-Delio-Fernandez

Fotos: Ricardo Lede

A principal novidade no percorrido da IV Domaio Heroica – Desafío Delio Fernández, resultou determinante. O porto de San Lourenzo, que se coroaba a menos de 7 quilómetros da liña de meta, foi o punto elixido por Tomás Pombo (Padronés Cortizo) para lanzar un ataque definitivo e converterse este domingo no primeiro corredor galego que inscribe o seu nome no palmarés da carreira organizada pola A.D. Punta Fondón. Ademais, o ciclista de Carballo sentenciou matematicamente a xeral Sub-23 da Copa Galicia.

A segunda e penúltimca cita do certame autonómico arrancou desde as inmediacións do Club de Xubilados de Domaio e do corte de cinta encargáronse Leticia Santos, alcaldesa de Moaña; Rubén Viéitez, concelleiro de Deportes; e o excorredor profesional Delio Fernández, padriño do evento. Ao pelotón Elite e Sub-23 esperábanlle por diante 132 quilómetros, unha distancia que houbo que recortar. Unha decisión que se tomou despois de que Roberto Pereira (Lasal Cociñas – Craega) protagonizase a primeira escapada do día e de que Ángel Maneiro (Supermercados Froiz) e Tomás Pombo pasasen destacados pola cima do Alto de Moscoso.

imagen

Unha vez que o pelotón se reagrupou tras unha primeira hora de acción incesante na que se rompeu a carreira, no concello de Ponte Caldelas tivo lugar unha caída que obrigou a parar a competición. Dous ciclistas foron trasladados ao hospital e ata que non regresaron as ambulancias non se puido continuar coa proba. Este contratempo levou á organización a suprimir a segunda volta ao circuíto que incluía un novo paso por Moscoso. Anuláronse 40 km e púxose rumbo directamente ao camiño de volta cara a Moaña.

Antes de interromperse a carreira, formárase unha fuga de cinco unidades composta por Guillermo García (Supermercados Froiz), Lorenzo Marenzi (Vigués), Arlex Méndez (Padronés Cortizo), Ignacio Mambrán (Lasal Cociñas – Craega) e Octavio Mangiaterra (Maxge Ambilamp). Este quinteto chegou a gozar dunha vantaxe de 45 segundos rodando por Vilaboa e a súa aventura finalizou nas primeiras ramplas da ascensión a San Lourenzo.

O porto moañés, catalogado de 2ª categoría, estaba chamado a exercer de xuíz da Domaio Heroica e así foi. Ningún outro ciclista puido seguir o ritmo de Tomás Pombo e lucindo a camisola de líder Sub-23 da Copa Galicia marchouse en solitario. Despois dun frenético descenso, o carballés levantou os brazos na recta de meta con 48 segundos de vantaxe e prolongou a hexemonía do seu equipo no Desafío Delio Fernández. Nas tres edicións anteriores impúxose co uruguaio Eric Fagúndez, o checo Vojtech Kminek e o balear Marc Torres.

imagen

A segunda praza decidiuse ao esprint nun grupo de cinco unidades. O arousán Martín Rey certificou o dobrete do Padronés Cortizo, o colombiano Juan Pablo Sossa (Lasal Cociñas-Craega) fíxose coa terceira posición e o ucraíno Maksym Bilyi entrou cuarto, resultado que lle permitiu conservar a camiseta de líder Elite da Copa Galicia.

O vencedor Tomás Pombo repetiu o éxito obtido na Clásica de Pascua, xornada inaugural do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG). Este corredor de primeiro ano na categoría Sub-23 tamén recolleu o trofeo de gañador da Montaña nunha cerimonia de podio na que participaron como autoridades Delio Fernández; Daniel Costas, tenente de alcaldesa de Moaña; Alberto García, tesoureiro da Comunidade de Montes de Domaio; e Óscar Sánchez, vicepresidente da FCG. Os premios entregáronse coa Ponte de Rande ao fondo. 

A Copa Galicia Elite e Sub-23 de Estrada finalizará o 3 de agosto coa Volta Ciclista Ao Baixo Miño. Toda a informacón sobre este certame podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaEstrada25 e na súa sección dentro da páxina web da Federación Ciclismo Galego

imagen

Clasificación

GALERÍA DE FOTOS

Tomás Pombo asina a primeira vitoria galega no palmarés da Domaio Heroica - Desafío Delio Fernández
Tomás Pombo asina a primeira vitoria galega no palmarés da Domaio Heroica - Desafío Delio Fernández
Tomás Pombo asina a primeira vitoria galega no palmarés da Domaio Heroica - Desafío Delio Fernández
Tomás Pombo asina a primeira vitoria galega no palmarés da Domaio Heroica - Desafío Delio Fernández
Tomás Pombo asina a primeira vitoria galega no palmarés da Domaio Heroica - Desafío Delio Fernández
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es