15 DE JUNIO DE 2025
Fotos: Concello do Porriño
O ciclismo galego cambiou de campións en ruta este sábado. O sub-23 vilagarcián Martín Rey (Padronés Cortizo) e o elite noiés Ángel Maneiro (Supermercados Froiz) fixéronse coas camisolas autonómicas da temporada 2025 no Gran Premio Concello do Porriño. A carreira de 140 quilómetros organizada polo Club Máster da Louriña tivo como gañador absoluto ao cántabro Gonzalo Inguanzo (Supermercados Froiz).
Un centenar de ciclistas tomaron a saída diante do Templete Red de San Luis, obra de Antonio Palacios. A primeira parte do percorrido consistía en dar a ‘Volta ao Val’, polas comarcas do Baixo Miño e o Val Miñor, e nas estradas da Guarda iniciou unha aventura en solitario o costarricense Jason Huertas (Lasal Cocinas-Craega). O representante do conxunto anfitrión chegou a gozar dunha vantaxe de 3 minutos.
A reacción dende atrás chegou por parte dunha decena de corredores que abandonaron a disciplina do pelotón á altura de Baiona. O primeiro porto de montaña puntuable, o alto de San Cosme, coroouno en cabeza Jason Huertas, pero o corredor centroamericano foi atrapado polos seus perseguidores pouco despois dun primeiro paso pola liña de meta e antes de afrontar a subida ao alto de Santiaguiño en Mos.
Durante esta ascensión, co seu cumio situado a 12,5 km da conclusión, atacaou Maksym Bilyi (Padronés Cortizo). O ucraíno perdeu case toda a vantaxe que conseguira por mor dunha confusión nun cruce antes de lanzarse costa abaixo. Interceptado no descenso por catro ciclistas, este quinteto xogouse a vitoria nas rúas do Porriño e a súa punta de velocidade impúxoa nos metros finais Gonzalo Inguanzo, un gran especialista no ciclocrós que demostrou a súa calidade sobre o asfalto. Segundo rematou o colombiano Andrés Mancipe (Lasal Cocinas – Craega), terceiro fixo Maksym Bily e cuarto, o chileno Ignacio Mambrán (Lasal Cocinas – Craega).
A 11 segundos dos seus compañeiros de escapada entrou Martín Rey, quinto clasificado despois de confundirse nunha rotonda dentro do último quilómetro. Ese erro eliminouno da loita polo triunfo na carreira, pero non lle impediu proclamarse novo campión Sub-23.
A outra camisola da Federación Ciclismo Galego acadouna Ángel Maneiro, que finalizou a proba xunto aos outros catro integrantes da escapada que non puideron seguir o ritmo dos primeiros. A ese grupo deulle tempo o abulense Noel Martín (Lasal Cocinas – Craega) por diante do corredor de Noia. A oitava praza correspondeu ao subcampión galego sub-23 Miguel Pérez (Maxge Ambilamp), a novena ao colombiano Andrés Umbarila (Team Oiense) e pechou o segundo quinteto David Pollán (Lasal Cocinas – Craega), adxudicándose o bronce sub-23 do Campionato de Galicia.
Maneiro sumou o seu primeiro título en Estrada na categoría raíña e no podio estivo escoltado polos seus compañeiros de equipo Guillermo García, segundo, e Manuel Rodríguez, o posuidor da coroa elite ata este sábado.
PODIOS DO CAMPIONATO DE GALICIA
Sub23
1. Martín Rey (Padronés Cortizo)
2. Miguel Pérez (Maxge Ambilamp)
3. David Pollán (Lasal Cocinas - Craega)
Elite
1. Ángel Maneiro (Supermercados Froiz)
2. Guillermo García (Supermercados Froiz)
3. Manuel Rodríguez (Supermercados Froiz)
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
FORMACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es