01 DE MAYO DE 2024
Foto: Álex Nieves
Dos cinco eventos que forman o calendario da Copa de España de Descenso 2024, a provincia de Ourense acolle dous e o primeiro deles disputouse a pasada fin de semana en Verín. O Bicicletas Chinquena Racing Team organizou o DHI Pozo do Demo, unha proba que ademais de exercer de terceira xornada puntuable para o certame estatal tamén repartiu puntos UCI ao tratarse dunha competición internacional da clase C2. Con máis de 200 riders en liza no monte Montemaior de Cabreiroá, a representación da comunidade autónoma anfitrioa acumulou nove prazas de podio.
O piloto máis rápido nun trazado de 1,7 quilómetros de distancia con máis de 350 metros de desnivel negativo foi o sub-23 Yelco Romero. O biscaíño do Baskonia Trek mantivo un fermoso man a man co madrileño Daniel Castellanos (Planet MTB), que no seu primeiro ano como sub-23 está a mostrarse como un dos mellores especialistas de España. Romero detivo o crono nun tempo de 2’52”616 para facerse co triunfo por tan só catro décimas con respecto a Castelanos, que logrou un rexistro de 2’53”097. A terceira posición obtívoa o júnior Fynn Brands cun crono de 2’56”228.
Entre as mulleres, a zamorana Sara Yusto (Lácteas Cobrero) anotouse a vitoria tras completar a baixada en 3’35”529, case un segundo e medio mellor que a madrileña Kira Zamora (Baskonia Trek), que parou o reloxo en 3’36”940. Ao último chanzo do caixón subiuse a júnior Marta Perxachs (Fornells de la Selva), que efectuou o descenso nun tempo 3’42”562.
O balance da participación galega rexistra dous triunfos. Iván Mourelo (DH Galicia) impúxose no máster-30 por diante doutros dous riders da nosa comunidade: Manuel Pellón (BDM) rematou segundo e Carlos Díaz (CiclosQuintena), terceiro. A vitoria tamén a conseguiu Nayra Giráldez (VK Bikes) nas cadetes.
O júnior Hugo Rosendo (Cerdedo-Cotobade) meteuse terceiro nos juniors tras bater a Gael Ferro (Bici Verde) e a Uxío Atrio (Academia Postal - Maceda), cuarto e quinto, respectivamente. Tanto nos máster-40 como nos 50 houbo maioría galega no podio, pero sen vitorias. Jose Montenegro (Moto Bike) -segundo- e Manuel Baños (Bicicletas Chinquena) -terceiro- non puideron co tempo do castelán-leonés Iván Meaza (Miranda Biker) nos máster-40. En canto aos 50, o madrileño Abel Serrano (Cross Chicken) deixou sen triunfo por menos de 2 segundos a Ricardo Escudero (Poio Bike) e a case un minuto dos dous primeiros quedou terceiro Jose Ernesto Camesella (Monteboi Bike).
A cuarta e penúltima cita da Copa de España de Descenso terá lugar o 2 de xuño en La Pinilla (Segovia) e o certame estatal regresará o 18 de agosto á provincia de Ourense para poñer o peche no VI Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park, evento que organizada a Federación Ciclismo Galego.
Fotos podio: Alejandro Filmmaker
BTT
BTT
BTT
BTT
FORMACIÓN
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es