Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 19/12/2020 20:07:11

Irene Trabazo e Saúl López dan pasos de xigante no Porriño para proclamarse gañadores en Maceda

Venceron na proba organizada pola A.D. Avanza e chegan ao desenlace do certame autonómico como líderes con vantaxes moi amplas

A penúltima xornada da Copa Galicia de Ciclocrós deixou practicamente vistos para sentenza os rankings das categorías Elite. Irene Trabazo (XSM) e Saúl López (Academia Postal-Maceda) venceron este sábado no circuíto do velódromo do Porriño e afrontarán este domingo en Maceda o desenlace do certame autonómico como líderes con vantaxes moi amplas. A de Marín mantén a súa condición de invicta, mentres que o de Monforte aproveitou un contratempo do seu principal adversario Dani López (Cambre) para recuperar o primeiro posto na xeral e dispararse no máis alto da táboa.

A cuarta edición do ciclocrós Avanza-Concello do Porriño celebrouse sen chuvia, pero con moito barro. A xornada comezou con María Filgueiras impedindo o dobrete do club anfitrión na categoría cadete. A corredora do Caimanes de Betanzos superou á líder e representante do conxunto local Uxía Soto na carreira feminina e André Martínez cumpriu os prognósticos deixando o triunfo en casa na proba masculina. O outro vencedor da primeira quenda foi Miguel Rodríguez (Ponteareas), que grazas a esta vitoria pasa a comandar o ranking júnior.

Os éxitos da A.D. Avanza continuaron con Laura Mira dominando nas juniors, ao mesmo tempo que Irene Trabazo prolongaba o seu pleno de vitorias entre as elite-sub23. Á marinense bastaralle con finalizar en Maceda para certificar o título. A cinco minutos da ciclista do XSM rematou a sub23 Carla Fernández (Río Miera) e medio minuto despois Xiana Conde (Academia Postal- Maceda), segunda entre as elites. O podio da categoría raíña feminina completouno a porriñesa María Jesús Barros (Spol).

Líder KO

O prato forte da cuarta cita da Copa era a carreira elite-sub23 masculina. O exprofesional de estrada Dani López defendía unha renda de 50 puntos respecto a Saúl López, vencedor do certame galego no 2019. Despois de que as tres anteriores xornadas resultaran moi igualadas, nesta ocasión o coruñés do Cambre quedou fóra de combate na terceira das seis voltas ao circuíto do velódromo, cando perseguía ao monfortino. A bicicleta do corredor que vestía a camisola de líder enganchouse cunha estaca, un contratempo que tardou en solucionar.

Dani López nin sequera rematou a proba e o segundo clasificado na xeral sumou os 150 puntos que estaban en xogo. Saúl López ergueu os brazos na liña de meta con oito segundos de vantaxe sobre Brais Sendín (Louriña). Na pugna pola terceira praza absoluta e elite, o porriñés Jorge Punzón (Cosmos) dobregou ao seu veciño Luis Fernández Oliveira (Avanza). Quinto e primeiro sub23 terminou Ángel Maneiro (Toxo).

O programa deste evento concentrou na sesión de tarde todas as competicións máster. Nas dúas categorías de máster-30 os gañadores Montserrat Martínez (Ciclismo Oiense) e Andrés Calvete (Monte Xalo) situáronse como novos líderes igualados a puntos cos ciclistas que encabezaban os rankings en solitario, Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas) e Rubén Deaño (Ourense Termal). O resto de triunfos corresponderon a Sonia Costoya (Corbelo) e Marcos Mayo (BTT O Treito) en máster-40; a Juan José Saborido (Speedcross) nos máster-50; e a Constante Lestido (O Trisquel) nos máster-60.

Os premios finais da Copa Galicia 2020 entregaranse este domingo en Maceda. As corredoras e os corredores que chegan como líderes á quinta e última xornada son Uxía Soto e André Martínez en cadetes, Laura Mira e Miguel Rodríguez en juniors, Carla Fernández e David Fernández (Avanza)  en sub23, Irene Trabazo e Saúl López en elites, Montserrat Martínez e Andrés Calvete en máster-30, Sonia Costoya e Juan José Rodríguez ‘Tami’ (Norinver) en máster-40, José María Magariños (Condado Bike) nos máster-50 e Constante Lestido nos máster-60.

O XIII Ciclocrós Castelo de Maceda – Copa Deputación de Ourense arrancará ás 10:00 horas cos máster-40 e unha hora máis tarde comparecerán os máster-30, máster-50/60 e as mulleres máster. A competición regresará ás 12:45 coas dúas carreiras cadetes e coa júnior masculina, quedando para o final as categorías elite-sub23 e a júnior masculina.

Clasificacións

Fotos da Galería: Yaiza Fernández Pérez

GALERÍA DE FOTOS

Irene Trabazo e Saúl López dan pasos de xigante no Porriño para proclamarse gañadores en Maceda
Irene Trabazo e Saúl López dan pasos de xigante no Porriño para proclamarse gañadores en Maceda

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es