A Copa Galicia Cadete de Estrada pechouse este sábado sen que se puidera disputar a súa última xornada. A ambulancia que cubría o XXXIII Promoción de Ciclismo de Boiro tivo que prestar soporte vital e trasladar a Alberto Rodríguez, directivo e director deportivo do Club Ciclista O Rosal, polo que ante a ausenza dun médico na proba tomouse a decisión de cancelar as carreiras raíñas deste evento. Deste xeito, os rankings do certame autonómico non sufriron variacións, proclamándose gañadores Lara Fuentes (Cambre) e Alejandro Crende (Cidade de Lugo-Mybike).
Gañadora de tres das catro últimas xornadas, Fuentes triunfou na clasificación feminina acumulando 169 puntos nas nove carreiras celebradas. A representante do Cambre estivo escoltada no podio final por dúas corredoras do Betanzos. Lucía Ballester rematou segunda con 160 puntos e Andrea Prado obtivo a terceira praza con 132.
Pola súa banda, o éxito de Crende cimentouse no arranque da Copa, ao impoñerse en tres das seis primeira citas. En total, o ciclista do Cidade de Lugo-Mybike sumou 186 puntos ao longo dun calendario composto por once eventos. O segundo posto ocupouno Iker Rodríguez (O Rosal), con 163 puntos, e Mauro Amor (Cambre) completou o podio da xeral con 157 puntos.
Excepto as carreiras cadetes, o resto de competicións programadas polo Club Ciclista Barbanza leváronse a cabo con normalidade antes da intervención do persoal sanitario. Ao máis alto do caixón neste derradeiro trofeo da temporada de estrada subiron: Alejandra Neira (Compostelano) e Diego López (Compostelana) en Infantís, Xiana Seijo (Caimanes) e Lucas Lozano (Farto) en Alevíns, Alba Ruiz (Betanzos) e Guillerme Santos (Teis) en Principiantes, e Lucía González (O Rosal) e Iker Dosil (Barbanza) en Promesas.
Dende a Federación Ciclismo Galego trasladámoslle todo o noso ánimo a Alberto Rodríguez e desexámoslle unha pronta e boa recuperación.
Clasificacións Promoción Boiro
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es