O calendario de competicións do 2022 comezou a rodar o domingo cun debut. Desde esta temporada o BTT autonómico conta cun novo certame e a celebración das 3H Resistencia Lousame supuxo a estrea da Copa Galicia Resistencia. Esta inauguración tivo como gañadores das clasificacións absolutas individuais a Eva Ortega (Extol) e a Manuel Ángel Parada (Xesteiras).
O evento organizado polo BTT O Treito reuniu a 238 participantes que deron voltas, de forma individual ou por parellas, a un circuíto de 6,2 quilómetros durante case 3 horas. Nunha mañá solleira e de xeada, o máster-30 Parada ofreceu o mellor rendemento de todos os participantes. En 2 horas 50 minutos e 39 segundos completou dez xiros, co elite Javier Busto (Extol) ocupando a segunda praza a 1:44 e o máster-30 Daniel García (Xesteiras) finalizando terceiro a 3:33 do seu compañeiro de equipo.
"Saímos a rachar a carreira e púxose de cara porque nos escapamos tres compañeiros de equipo. Buscabamos a tripla ata que a falta de tres voltas chegou Javi Busto", comenta Parada, que foi o único representante do Xesteiras capaz de seguir ao corredor do Extol: "Arrancou nunha subida e quedamos só os dous. Eu decidín probar cando quedaban dúas voltas, quiteille uns metros no río e a partir de aí fun a tope ata a meta".
Por unha diferenza máis ampla decidiuse a vitoria absoluta feminina. A elite Eva Ortega deu nove voltas, unha máis que a máster Silvia Blanco (Avelaíñas) e a elite María Martínez (Armenteira e Punto), segunda e terceira respectivamente. A gañadora, na súa primeira competición coas cores do Extol, indicou que "me gustou moito o circuíto e, malia o frío inicial, desfruteino de principio a fin. Fun vendo ás compañeiras durante a carreira, pero non me quería centrar en ninguén. O paso das voltas non me afectou, ao contrario, sentinme cada vez mellor".
A nómina de vencedores nos grupos de idade completárona o júnior Ricardo Liste (Compostelano), o máster-40 Diego Álvarez (MTC Team) e Juan Manuel Expósito (MTC Team) nos masters-50/60.
Parellas
As probas de Resistencia ofrecen a posibilidade de participar por parellas e en Lousame disputáronse dúas competicións de dúos. Na clasificación mixta triunfaron Sonia Costoya e Javier Baúlde (Corbelo) por diante de Ana Rey e Ángel Pouso (Toxo), mentres que Paula Blanco e Francisco Mieres (Monte Xalo) acadaron a terceira praza. En canto á táboa masculina, Uxío Canosa e Jorge Pérez déronlle o triunfo a Os Esfola Arrós e os outros dous chanzos do podio corresponderon a parellas do Ourensa Termal: Jose Sanmiguel e David González, segundos, e Iván Fernández e Daniel Rodríguez, terceiros.
A entrega de premios contou coa presenza Ramón Martínez, tenente de alcaldesa de Lousame; Silvia Agrafojo, concelleira de Xuventude; Nolo Sestayo, representante do club organizador; e Óscar Sánchez, directiva da Federación Ciclismo Galego.
A Copa Galicia de Resistencia consta de catro citas e a vindeira terá lugar este domingo en Boiro.
Clasificacións con tempos por volta
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es