A Copa Galicia Máster de estrada reactivouse este domingo cunha estrea no seu calendario. O Noela Master Team organizou a primeira edición do Trofeo Portus Apostoli. A proba con saída e chegada en Noia contou con retransmisión streaming en directo e no seu desenlace ao esprint venceu Miguel Agreda, corredor máster-40 do Lasal Cocinas-Louriña.
O gañador sorprendeu ao resto do pelotón nos metros finais dun percorrido de 85 quilómetros e impúxose con 1" de vantaxe sobre o seu compañeiro de equipo, e tamén máster-40, Juan José Álvarez. A vitoria entre os máster-30 correspondeu a Javier Freire (Huerces) e nos máster-50 fíxose co primeiro posto Javier Tajes (Norinver), único corredor da súa categoría que entrou no tempo do grupo principal. O Norinver sumou outro triunfo con Manuel Prieto nos máster-60.
Tres novos líderes
Os puntos que se repartiron en Noia provocaron tres novidades no máis alto das xerais da Copa Galicia. Agreda sitúase á fronte dos máster-40, Tajes é o novo líder máster-50 e Prieto toma o mando nos máster-60. Pola contra, non hai cambio nos máster-30, con Freire conservando a camisola que obtivera na apertura do certame no Memorial Fernando Abad.
Os gañadores finais da Copa coñeceranse este domingo en Monforte de Lemos, onde o Club Ciclista Chantadino organizará o V Gran Premio Máster Ribeira Sacra, terceira e última cita do calendario.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es