Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 29/08/2022 11:32:07

Ismael Rodríguez adxudícase a Copa Galicia Júnior en Carballo

O corredor do Corbatas Pindal asaltou o liderado na última xornada do certame autonómico. Pablo Ortega (EntrenamientoCiclismo) fíxose coa Challenge.

A única Copa Galicia de Estrada da temporada 2022 que faltaba por rematar baixou o pano na IV Challenge Júnior Carballo. A segunda xornada do evento que se celebrou dende o pasado venres ata o domingo repartiu puntos para o certame autonómico da categoría xuvenil masculina e a camisola azul e branca da xeral marchouse para Cantabria. Ismael Rodríguez (Corbatas Pindal) asaltou o primeiro posto do ranking tras facer terceiro na primeira das dúas vitorias parciais que asinou Pablo Ortega (EntrenamientoCiclismo) durante a fin de semana. 

Superando o centenar de ciclistas en liza, a Challenge organizada polo Club Ciclista Carballo arrancou o venres cunha contra o reloxo individual de 3 quilómetros entre e Razo e Monteneme. O mellor tempo marcouno Estanislao Calabuig (Bathco), detendo o reloxo en 7:35. A segunda praza ocupouna Pablo Ortega, a 3" do gañador, e a terceira Miguel Domingo (Bathco), a 4".

Trofeo Carballo 

Ao día seguinte, o sábado, chegou a quenda da primeira proba en liña e do desenlace da Copa Galicia. O certame autonómico abriuse no mes de abril na Challenge Volta ao Barbanza e pechouse catro meses despois coa súa segunda e última xornada. O percorrido de 104 quilómetros, con saída e meta en Carballo, incluía dous portos de montaña: Agualada (km 83) e A Pifaína (km 100).

Logo dun esixente treito final, os dous primeiros clasificados na CRI inaugural xogáronse a vitoria no Trofeo Carballo. Nesta ocasión, Pablo Ortega conseguiu o triunfo ao superar no man a man a Estanislao Calabuig. A 21" do vencedor entrou Ismael Rodríguez, seguido por outros cinco ciclistas, e a terceira praza do corredor do Corbatas Pindal outorgoulle a xeral da Copa Galicia. O ciclista cántabro fixera cuarto na Pobra do Caramiñal, onde venceu o luso Gonçalo Tavares (Bairrada), ausente na clausura do certame autónomico ao atoparse disputando a Volta a Portugal.

A cerimonia de podio do Trofeo Carballo contou coa presenza do alcalde, Evencio Ferrero; da presidenta do club organizador, Vanessa Loureiro; e do presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz.

Desenlace da Challenge

A cuarta edición da Challenge Júnior Carballo terminou o domingo cunha tirada de 93 km entre Carballo e Pedra do Sal. Pablo Ortega repetiu éxito parcial e cos puntos sumados rachou o empate que mantiña na xeral con Estanislao Calabuig, terceiro esta vez por detrás de Ismael Rodríguez. O outro compoñente do cuarteto que resolveu a proba ao esprint foi Jorge García (Recambios Callejo). No global das tres xornadas Gonzalo Gallego (Vigo-Rías Baixas) situouse como o mellor galego, sexto clasificado. 

 

Sección da Copa Galicia

GALERÍA DE FOTOS

Ismael Rodríguez adxudícase a Copa Galicia Júnior en Carballo
Ismael Rodríguez adxudícase a Copa Galicia Júnior en Carballo

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es