Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 31/10/2022 20:00:29

O Vigo Enduro Vixiador pechou a Copa Galicia con Gemma Chapela e Mauro González no máis alto

A rider do VK Bikes e o do Salvaterra triunfaron na última cita e nas xerais elites do certame autonómico

A derradeira competición do calendario autonómico 2022 de BTT tamén baixou o pano este domingo da Copa Galicia de Enduro. O certame que estaba pendente de resolverse dende a pasada primavera pechouse no Vigo Enduro Vixiador con dous grandes triunfadores entre os dez riders que se adxudicaron as camisolas de líderes. Gemma Chapela (VK Bikes) e Mauro González (Salvaterra de Miño) reinaron nos montes olívicos e nas clasificacións xerais Elite do circuíto de probas coordonidado pola Federación Ciclismo Galego (FCG).

A fin de semana de especialidades gravity proposta polo VigoEnduro arrancou co Mini DH Vixiador do sábado, un día no que os adestramentos de cara á última proba da Copa Galicia de Enduro estiveron pasados por auga. A chuvia, abundante ao longo da semana, provocou que o terreo estivera escorregadizo e pesado. O barro, aproveitando as baixas inclinacións dalgunhas zonas concretas, acumulouse e freaba moito as bicicletas. 

As precipitacións deron unha tregua o domingo, o que permitiu que o estado dos treitos mellorara. Aínda así, os 128 participantes tiveron que facer fronte a un trazado no que primou o compoñente físico. As categorías da Copa Galicia debían completar 8 sectores cronometrados, cinco no caso dos grupos de idade cadete, mentres que as e-bikes tiñan un tramo extra en subida (8+1). 

Tras conquistar esta temporada a Copa de España e do Campionato de Galicia, Mauro González certificou un terceiro título. O corredor do Salvaterra chegaba como líder elite da Copa autonómica e exerceu como tal na despedida desta campaña. Marcou os scratch en sete dos oito parciais e dominou con 19 segundos de vantaxe respecto ao vencedor máster-30 Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko), que asinou o mellor rexistro no antepenúltimo treito. Terceiro clasificouse José Manuel López Vaqueiro (X Bikes), primeiro máster-40, a 33" do gañador absoluto.

David Fernández (Avanza-O Porriño), o mellor sub23, obtivo a cuarta posición scratch por diante do elite Esteban Paz (VK Bikes). A formación porriñesa conseguiu dúas vitorias máis: André Martínez, sexto na táboa absoluta, impúxose nos juniors e Denis González, nos cadetes. En canto aos máster-50, o VigoEnduro acadou o triunfo no seu evento por medio de Jose Carlos Salgueiro, e nos máster-60 só completou a proba 'Tucho' González (Salvaterra). Ao marxe da Copa Galicia, Nicolás Torrón e Cristóbal Fernández (Komanche) foron a parella máis forte e Jose Eugenio Gayo (VK Bikes) ocupou a primeira praza nas e-bikes.

A competición feminina ofreceu dous mans a mans. A elite Gemma Chapela superou á máster-30 Lorena Castro (VigoEnduro) e nas cadetes Arantxa Gómez (O Rosal) inverteu menos tempo que Alexia Santervas (Coruxo) en percorrer os cinco sectores cronometrados.

Once líderes finais

En Vigo concluíu o calendario da Copa que comezou na mesma cidade en marzo, coa VigoBikeContest, e que tamén rodou polos montes de Budiño (O Porriño) e da Picaraña (Ponteareas). A nómina de líderes finais estivo composta por once riders: Arantxa Gómez e Héctor Quinteiro (Pontebike) en cadetes, André Martínez nos juniors, Alba Arias (CiclosQuintena) e Nicolás Carrera (Team Justbikes-Transition) en sub23, Gemma Chapela e Mauro González en elites, Lorena Castro e Santos Lemos en máster-30, José Manuel López Vaqueiro nos máster-40 e Adolfo José Gallego (Singletrack) nos máster-50/60. Os premios da xornada e dos rankings do certame autonómico entregáronos Jorge Freiría, presidente do VigoEnduro, e Óscar Sánchez, directivo da FCG. 

Clasificacións

Páxina da Copa Galicia 

GALERÍA DE FOTOS

O Vigo Enduro Vixiador pechou a Copa Galicia con Gemma Chapela e Mauro González no máis alto
O Vigo Enduro Vixiador pechou a Copa Galicia con Gemma Chapela e Mauro González no máis alto
O Vigo Enduro Vixiador pechou a Copa Galicia con Gemma Chapela e Mauro González no máis alto
O Vigo Enduro Vixiador pechou a Copa Galicia con Gemma Chapela e Mauro González no máis alto
O Vigo Enduro Vixiador pechou a Copa Galicia con Gemma Chapela e Mauro González no máis alto
O Vigo Enduro Vixiador pechou a Copa Galicia con Gemma Chapela e Mauro González no máis alto
O Vigo Enduro Vixiador pechou a Copa Galicia con Gemma Chapela e Mauro González no máis alto

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es