Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 08/12/2022 22:07:36

Irene Trabazo e Saúl López inauguran o palmarés do Gran Premio Ciclocrós Deputación de Lugo

A Copa Galicia alcanzou a súa décima xornada na estrea do enlamado circuíto de Outeiro de Rei

A segunda entrega da semana grande da Copa Galicia de Ciclocrós disputouse este xoves na provincia que faltaba por recibir ao certame autonómico no 2022. Outeiro de Rei acolleu a primeira edición do Gran Premio Ciclocrós Deputación de Lugo, un evento que se estreou co espectáculo que ofrece o barro e con dous gañadores elites nas probas raíñas. Irene Trabazo (XSM) e Saúl López (Academia-Postal) inauguraron o palmarés dunha cita que chegou ao calendario para quedarse. 

O trazado de 2,8 quilómetros de lonxitude deseñado polo Team Bike Outeiro de Rei no polígono da súa localidade fixo as delicias dos máis de 200 participantes. Enlamados de arriba a abaixo, tres corredores brindaron unha fermosa pugna pola vitoria na carreira Elite-Sub23 e o triunfo quedou na provincia anfitrioa. O elite monfortino Saúl López (Academia Postal-Maceda), gañador no mes de novembro no Rosal, bateu por 13 segundos ao líder sub23 Ricardo Buba (Gsport) e 5" máis tarde cruzou a liña de meta o tamén sub23 Anxo Carril (Coruxo).

A case dous minutos e medio do trío de cabeza, o elite Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño) acadou a cuarta posición e posteriormente o seu compañeiro de equipo David Fernández rematou quinto e obtivo a terceira praza entre os sub23. Sexto, e completando o podio elite, finalizou Yago Pico (Vilalba-As Pontes). Xunto aos ciclocrosistas da proba raíña masculina competiron os juniors, unha categoría na que André Martínez (Avanza-O Porriño) prolongou a súa xeira triunfal. O líder xuvenil da Copa Galicia suma sete primeiros postos consecutivos. 

O conxunto porriñés colleitou outra vitoria nos cadetes con Néstor Frías, mentres que nos grupos de idade Máster impuxéronse Miguel Porto (Ponteareas) nos 30, Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) nos 40, José Manuel Gómez (Xesteiras) nos 50 e Tucho González (Salvaterra de Miño) nos 60. 

Quenda feminina

Todas as categorías de mulleres competiron na mesma quenda e as cinco vitorias que había en xogo non se lles escaparon ás favoritas. Irene Trabazo dominou con claridade na carreira Elite-Sub23-Júnior. A marinense venceu con 4'28" de marxe respecto á líder júnior Sarela Conde (Academia Postal-Maceda). A terceira posición conquistouna María Jesús Barros (Team Oiense), que volveu concluír por diante da líder elite Eva Ortega (Extol), o que reduce a 30 puntos o colchón do que goza a corredora que encabeza a xeral. O quinto e o sexto posto absolutos en Outeiro de Rei corresponderon, respectivamente, ás juniors Vania Gregores (Ponteareas) e Xiana Camiña (Avanza-O Porriño).

Pola súa banda, Lorena Patiño (XSM) asinou nas cadetes o seu cuarto triunfo desta campaña na Copa Galicia e en canto aos grupos de idade Máster femininos subiron ao máis alto do caixón Iria Nieto (Compostelano) nas 30 e Paula Blanco (Monte Xalo) nas 40. 

Os resultados da décima xornada da Copa Galicia non provocaron ningún cambio de líder e os rankings continúan comandados por Iris Fernández (Academia Postal-Maceda) e Xián Alvariño (Ponteareas) en cadetes, Sarela Conde e André Martínez en juniors, Zaira Vila (Coruxo) e Ricardo Buba en sub23, Eva Ortega e Samuel González (Máis Que Bicis) en elites, Ana Nieto e Miguel Porto en máster-30, Paula Blanco e Andrés Calvete (Monte Xalo) en máster-40, Isabel Castro (Condado Bike) e Antonio Ferreira en máster-50, e Tucho González nos máster-60. 

De entregar os premios neste evento impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo encargáronse Efrén Vázquez, deputado provincial; José Pardo, alcalde de Outeiro de Rei; Pilar Méndez, a concelleira de Deportes; Elvira Lombao, edil do BNG; Marcos Gascón, responsable do Team Bike Outeiro de Rei; e Alberto del Río, técnico da Federación Ciclismo Galego. 

Despois da cita do martes en Boiro e da incursión na provincia de Lugo, a Copa Galicia continuará o sábado en Nigrán e pechará a súa semana grande o domingo en Ponteareas. 

Clasificacións 

Páxina da Copa Galicia

GALERÍA DE FOTOS

Irene Trabazo e Saúl López inauguran o palmarés do Gran Premio Ciclocrós Deputación de Lugo
Irene Trabazo e Saúl López inauguran o palmarés do Gran Premio Ciclocrós Deputación de Lugo
Irene Trabazo e Saúl López inauguran o palmarés do Gran Premio Ciclocrós Deputación de Lugo
Irene Trabazo e Saúl López inauguran o palmarés do Gran Premio Ciclocrós Deputación de Lugo
Irene Trabazo e Saúl López inauguran o palmarés do Gran Premio Ciclocrós Deputación de Lugo
Irene Trabazo e Saúl López inauguran o palmarés do Gran Premio Ciclocrós Deputación de Lugo
Irene Trabazo e Saúl López inauguran o palmarés do Gran Premio Ciclocrós Deputación de Lugo

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es