A Copa Galicia 3h Resistencia e Camariñas van de man. Ao igual que aconteceu o ano pasado na primeira edición do certame autonómico, a 3 H BTT Circuíto da Caramiña exerceu este domingo de penúltima xornada. Tamén se repetiu a historia coa elite Eva Ortega (Extol) asinando a actuación máis poderosa entre as mulleres, pero entre os homes o máster-30 David Fernández (Narón) superou nesta ocasión aos líderes do Xesteiras.
A proba organizada pola Peña Ciclista Baikers do Vilán cambiou de trazado respecto ao 2022, colleitando outro éxito. O percorrido por Xaviña agradou maioritariamente aos 215 bikers inscritos, que se atoparon un circuíto ideal para rodar con forza durante 3 horas. As condicións climatolóxicas, nun día soleado, e a colaboración da Polícia Local de Camariñas e de Protección Civil permitiron que a cuarta xornada da primeira Copa Galicia da temporada 2023 resultase redonda.
A pugna por sumar máis voltas en menos tempo ofreceu un vibrante duelo. David Fernández, gañador na cita inaugural deste curso en Narón, sumou o seu segundo triunfo ao bater por só 3 segundos de vantaxe ao líder máster-30 Manuel Ángel Parada (Xesteiras). Preto deles, a 26" do representante do Narón, finalizou na terceira posición outro máster que encabeza a xeral dun grupo de idade e defende as cores do conxunto de Cuntis, o máster-40 Iván Pereira.
Os tres máis resistentes da xornada completaron dez xiros ao circuíto, cifra que tamén alcanzaron os primeiros clasificados doutras tres categorías: o elite Cristobal Dios (Estradense), o sub23 Ignacio Casal (Extol) e o máster-50 José Manuel Gómez Bestilleiro (Xesteiras). O resto de vitorias individuais masculinas corresponderon a Francisco Ramón Agrafojo (Cambre) nos juniors -novo líder do ranking xuvenil ao aproveitar a ausencia de Danny Buba (Coruxo)- e a Jose Cartelle (Pulpeiros Mugardos) nos máster-60.
Repite a Campioa
Tal e como aconteceu o ano anterior en Camariñas e a semana pasada en Boiro, a vixente Campioa de Galicia Elite de Resistencia impuxo un ritmo que non puido seguir ningunha outra competidora feminina. Eva Ortega anotouse a súa segunda vitoria deste exercicio. A do Extol deu oito voltas, unha máis que a súa compañeira de equipo e líder máster-30 Sofía da Silva, quen foi 6' máis rápida que a líder elite Desiree Fernández (Ribadumia). O cuarto mellor rexistro, acumulando seis xiros, rubricouno a elite romanesa Alina Cimpean (RG Bikes) e o quinto, tamén con media ducia de voltas, a gañadora máster-40 Rebeca Nieto (Vara e Pedal).
As xerais individuais do certame autonómico, a falta dunha proba do calendario, só presentan cambio de líder na categoría júnior masculina. Os outros rankings continúan tendo no máis alto a Sofía Ferreiro (Esmelle) nas juniors; Ignacio Casal nos sub23; Desiree Fernández e Cristóbal Dios en elites; Sofía da Silva e Manuel Parada en máster-30; Rebeca Nieto e Iván Pereira en máster-40; María del Carmen Armada (Farto) e José Manuel Gómez Bestilleiro en máster-50; e Jose Cartelle nos máster-60.
Parellas
Unha xornada máis nas carreiras por dúos nin gañaron as parellas que mandan nas xerais nin as camisolas da Copa mudaron de propietarios. A competición de remudas masculina dominárona Fabián Rodríguez e Samuel Varela. Os do Cambre, con dez voltas, cruzaron a liña de meta case 2' minutos antes de que o fixeran os líderes Jesús Martínez e Antonio Mato (Toxo). Terceiros, cun xiro menos, remataron David Aragunde (Armenteira e Punto) e Martín González (Ribadumia).
No que respecta ás parellas mixtas, Iria Nieto e Ángel Vilanova (Compostelano) estrearon a súa conta de vitorias. As mesmas voltas que os primeiros, un total de nove, realizaron Rebeca Muñoz (Xesteiras) e Yago Fernández (Bici Verde), que se quedaron a 2'13" do triunfo. O terceiro chanzo do podio ocupárono os líderes Jana Buba e Martin Buba (Coruxo), con oito parciais completados.
Ao marxe da Copa Galicia, na categoría cadete masculina de parellas obtiveron a primeira posición Nicolás Aragunde e Gabriel Domínguez (Ribadumia) e na cadete mixta, Sara Peón e Darío Buceta (Farto).
De entregar os premios na cerimonia de clausura da 3 H BTT Circuíto da Caramiña encargáronse Sara insua, alcaldesa de Camariñas; Fabán Canosa, concelleiro de Deportes; Encarna Liñeiro, concelleira de Cultura; Juan Ramón Martínez, presidente do Baikers do Vilán; e Óscar Sánchez, directivo da Federación Ciclismo Galego.
A Copa Galicia 3H Resistencia concluirá o vindeiro domingo en Muros. Toda a información sobre este certame podes atopala nas redes sociais a través do hashtag #CopaGaliciaRST23 e na súa sección dentro desta páxina web.
Clasificacións Circuíto da Caramiña
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es