Asinando unha media que rozou os 41 quilómetros por hora, o pelotón máster abriu a toda velocidade a súa Copa Galicia 2023 este domingo no VI Memorial Fernando Abad. A proba organizada polo Tambre Bike no Concello de Oroso, como homenaxe ao seu presidente falecido no 2015 mentres practicaba ciclismo, reuniu a máis dun cento de participantes e repartiu as primeiras camisolas de líderes do certame autonómico. O máster-30 Samuel García (Norinver), o máster-40 Iago Alonso (Chantadino) e o máster-50 Juan Manuel Toribio (Aerodynamics Academy) situáronse á fronte dos rankings nos seus grupos de idade.
Os 73 quilómetros de percorrido cubriunos en 1 hora 47 minutos e 29 segundos o júnior Sergio Calvo (Vigo-Rías Baixas). O corredor de A Rúa presentouse en solitario na liña de meta de Sigüeiro e avantaxou en 30" a Iago Alonso, que se estreou ao grande na categoría máster-40. O vigués do Chantadino adiantouse en 10" a un grupo de sete unidades que rematou encabezado polo máster-40 Diego Álvarez (MTC). Cuarto na táboa absoluta fixo Samuel García, primeiro máster-30 da xornada.
O pelotón, integrado por máis de 50 ciclistas, concluíu a 3'32" de Calvo e dos seis máster-50 que o compoñían o máis rápido foi Juan Manuel Toribio. Deste xeito, completouse o cadro de gañadores que subiron ao podio e a entrega de premios contou coa presenza, entre outras autoridades, do alcalde de Oroso, Luis Rey; do concelleiro de Deportes, Antonio Leira; e do presidente do Tambre Bike, Amancio Espiñeira.
Tras esta apertura, a Copa Galicia continuará o 6 de maio na primeira xornada da VII Challenge As Rías Baixas. Toda a información sobre este certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaMaster23 e na súa sección dentro da nosa páxina web.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es