Quen será o sucesor de Eric Fagúndez? A Copa Galicia Elite-Sub23 de estrada busca novo xerarca despois de ser dominada por completo a pasada temporada polo ciclista uruguaio que defendía as cores do Padronés-Cortizo. O agora corredor profesional do Burgos BH impúxose no 2022 nas tres probas do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego, unha competición que este ano aumenta o seu número de carreiras.
O póker de citas sobre o asfalto autonómico arranca este sábado, 15 de abril, coa decana do calendario galego en Padrón. A Clásica de Pascua do Padronés C.C. alcanza a súa 60ª edición. O pelotón afrontará a partir das 14:00 horas un explosivo percorrido de 125 quilómetros no que os ciclistas terán que superar seis portos de montaña e unha ascensión extra non puntuable ao Alto de Formarís.
Sen saír da provincia da Coruña, o 7 de de maio disputarase en Betanzos a segunda xornada da Copa noutra proba histórica. O Betanzos C.C. celebra o domingo 7 de maio a 27ª Volta á Comarca Brigantina, unha clásica que o ano pasado exerceu de Campionato de Galicia Elite-Sub23. A outra incorporación ao calendario chegará en territorio pontevedrés e protagonízaa un evento que nace neste 2023. O Ciclismo Oiense A.R. estrea o domingo 4 de xuño en Oia a Volta Ciclista o Baixo Miño.
Os últimos puntos deste certame repartiranse o domingo 27 de agosto na carreira que por segundo ano consecutivo coroará aos dous líderes finais da Copa, ao elite e ao sub23. A Punta Fondón A.D. organiza na localidade pontevedresa de Moaña unha cita que ten nova denominación, a Domaio Heroica-Desafío Delio Fernández. Ao igual que as outras tres carreiras, a que terá como escenario a comarca do Morrazo tamén pertence ao calendario da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC).
Toda a informacón sobre a Copa Galicia Elite-Sub23 podes atopala nas redes sociais a través do hashtag #CopaGaliciaEstrada23 e na súa sección dentro da nosa páxina web.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es