En Burela arranca este domingo a Copa Galicia de Enduro e, ao mesmo tempo, o calendario de competicións 2023 desta especialidade do BTT na nosa comunidade. Da media ducia de eventos que se disputarán nos vindeiros cinco meses, tres pertencen ao certame autonómico e dous ao estatal. A oferta de probas complétase co Campionato que reparte os títulos da Federación Ciclismo Galego (FCG), unha cita que este ano terá como sede a parroquia porriñesa de Budiño.
Coa terceira edición do Monte Castelo, o Cerezo Bikes C. exercerá como primeiro anfitrión da temporada. As riders e os riders que saian vestidos de líderes da Copa da Mariña Lucense terán que confirmar esa condición o 21 de maio no IV Enduro das Rosquillas ADC Picaraña- Biziebike. Despois da proba de Ponteareas, o certame autonómico abrirá unha paréntese que se prolongará ata o final de verán e os seus rankings resolveranse o 30 de setembro no VigoBikeContest do club Singletrack Outdoor Sports.
O prezo das inscricións para participar en cada unha das tres xornadas da Copa coordinada pola FCG será de 10 euros para as categorías cadetes, de 15 para juniors e de 30 para o resto (Sub23, Elite, Máster-30, Máster-40, Máster-50 e Máster-60).
Por segunda campaña consecutiva dous eventos da nosa comunidade forman parte do circuíto estatal. O 30 de abril Moaña vibrará coa Copa de España de Enduro Ride Galicia Endurrazo 2023 organizada polo THC Bike C. e o certame da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) concluirá o 4 de xuño na Montefaro Enduro Race, o desafío deseñado polo Pulpeiros Mugardos C. en Ares e Mugardos.
As Copas esixen regularidade e todo a unha carta xogarase o 25 de xuño no Campionato de Galicia. A competición raíña do Enduro galego chegará este ano no Enduro Faro de Budiño, no Porriño. Por primeira vez nas súas catro edicións a proba da Forna A.D. acolle a pugna polas coroas autonómicas.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es