Cunha xornada completa, con Mini BTT pola mañá e XCO pola tarde, As Pontes estreou o pasado sábado o circuíto do Lago. Un rock garden e un cortado foron algunhas das atraccións que presentou un espectacular trazado no que se viviu un vibrante duelo entre líderes na sétima xornada da Copa Galicia de Cross Country Olímpico. O elite Jorge Punzón (Cosmos) acabou remontando ao sub23 Anxo Carril (Coruxo).
A carreira raíña da cita organizada polo Terras do Eume disputouse a oito voltas e durante as seis primeiras Carril dominou en solitario. Unha mala saída penalizou a Punzón, que perdía medio minuto respecto ao sub23 do Coruxo á conclusión do terceiro parcial. A partir de aí, o elite do Cosmos comezou a reducir a desvantaxe ata anulala por completo no sexto xiro ao circuíto e acto seguido marcharse en solitario. O porriñés logrou o seu terceiro triunfo absoluto desta campaña con 27 segundos de marxe tras cruzar a liña de meta cando o cronómetro marcaba 1:27:21.
A terceira posición, e segunda elite, correspondeu a Manuel Ángel Parada (Xesteiras), a 1'59" de Punzón, con quen se está xogando a xeral. Cuarto finalizou Alberto Pedreira (Bici Verde) e quinto, Iván Pereira (Xesteiras). Na mesma quenda Alejandro García (Academia Postal-Maceda) venceu nos juniors e no podio escoltárono Danny Buba (Coruxo) e o líder Martín Sestelo (Avanza-O Porriño), segundo e terceiro respectivamente.
No resto de categorías masculinas, Mauro Vega (Coruxo) impúxose nos cadetes, José Ramón Villanueva (Código Bike) nos máster-30, Jorge Aguín (Moto Bike) nos máster-40, Francisco Xavier López Cedrón (MTC) nos máster-50 e Manuel Dorrio (Cambre-Renault Caeiro) nos máster-60.
En canto ás probas femininas, non houbo sorpresas e as favoritas á vitoria cumpriron co seu papel. Sofía Álvarez (Cambre-Renault Caeiro) acadou o primeiro posto nas sub23, Uxía Soto (Supermercados Froiz) nas juniors, Lorena Patiño (XSM) nas cadetes, Iria Nieto (Compostelano) nas máster-30 e Silvia García (Bici Verde) nas máster-40.
Os puntos da Copa Galicia XCO repartidos nas Pontes non provocaron ningún cambio de líder. As xerais continuan comandadas por Iris Fernández e Néstor Frías, ambos do Academia Postal-Maceda, en cadetes; Yaiza Vila (Team Bike Outeiro de Rei) e Martín Sestelo en juniors; Sofía Álvarez e Anxo Carril en sub23; Lara Lois (RG Bikes) e Jorge Punzón en elites; Raquel Vázquez (Esmelle) e José Ramón Villanueva en máster-30; Silvia García e Jorge Aguín en máster-40; Antonio Rodríguez (Ourense Termal) nos máster-50; e José Manuel González (Academia Postal-Maceda) nos máster-60.
A primeira edición do XCO Vila das Pontes pechouse coa entrega de premios presidida pola concelleira de Turismo desta localidade coruñesa, Elena López. A Copa Galicia regresará este sábado pola tarde, coa súa oitava cita, en Cuntis da man do Club de Montaña Xesteiras, que pola mañá tamén organizará un evento do calendario de Mini BTT.
Toda a información sobre o circuíto galego de Cross Country Olímpico podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCO23.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es