A primeira Copa Galicia do 2024 activouse este domingo en Lousame e este non é un ano máis para o noso ciclismo. O vindeiro mes de novembro Pontevedra será o escenario do Campionato de Europa de Ciclocrós e para conmemorar esa cita histórica as camisolas dos certames coordinados pola Federación Ciclismo Galego (FCG) renden homenaxe ao evento continental que se celebrará na Illas das Esculturas. Un novo deseño que estrearon as gañadoras e os gañadores na apertura do calendario de BTT 3h Resistencia.
Do arranque da campaña encargouse o Club BTT O Treito e a proba resultou realmente épica. Despois dunha noite de moita chuvia, os preto de 250 participantes atopáronse un circuíto súper enlamado. Ese estado do trazado provocou unha longa lista de avarías, de caídas e obrigou a boa parte do pelotón a ter que botar pé a terra na subida principal. Resistencia, pura e dura, que se levoo mellor co chocolate quente servido na zona de remudas.
O club organizador, anfitrión o ano pasado do Campionato de Galicia desta especialidade, coidou todo o que puido ás bikers e aos bikers para que o seu calvario sobre o barro resultase o menos duro posible. Correndo na súa comarca, o noiés Ángel Maneiro conseguiu completar oito voltas, un rexistro que asinou en exclusiva. O elite do Supermercados Froiz comandou a clasificación absoluta por diante de dous representantes do Xesteiras, Manuel Ángel Parada e Samuel Baña, segundo e terceiro respectivamente. Estes dous máster-30 do conxunto de Cuntis cruzaron sete veces a liña de meta, ao igual que fixo o terceiro clasificado no seu grupo de idade, Aquiles Sordo (Caimanes Betanzos). O top-5 xeral pechouno co mesmo número de voltas o vencedor júnior Adrián Caamaño, tamén do Caimanes.
As camisolas de líderes das outras categorías individuais masculinas recibíronas o sub-23 Ricardo Liste (Lasal-Cocinas Louriña), o máster-40 Alejandro Paleo (Extol-Zambora.es), o máster-50 Juan Iglesias (Ferrol) e o máster-60 Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas).
En canto ás categorías femininas, a mellor actuación correspondeu a Desiree Fernández (RSBike). A defensora do título elite deu cinco voltas, avantaxando en 6 minutos e 29 segundos á gañadora máster-40 Paula Blanco (Monte Xalo). Un xiro menos ao circuíto acumularon nas súas pernas a terceira clasificada absoluta Andrea Escudeiro, elite do Ribadumia; a cuarta, Sofía da Silva, máster-40 do Extol-Zambora.es; e a quinta, Marta Fernández, máster-40 do Poio Bike. Entre as juniors acabou primeira Nerea Suárez (Becani).
Parellas
A Copa Galicia BTT 3h Resistencia ofrece a posibilidade de participar por parellas. Na proba de remudas masculina triunfou o dúo do Toxo formado por Antonio Mato e Álvaro Pérez, con 1'13 de diferenza respecto a Samuel Varela e Fabián Rodríguez (Cambre). A terceira praza acadárona Diego Novo e Juan Rey (As Pontes). A carreira mixta dominárona con autoridade Iria Nieto e Ángel Vilanova (Team Oiense - Compostelano), batendo por 7'09 a Jana Buba e Martin Buba (Coruxo) e 24" segundos despois concluíron Raquel Román e Raúl Cancelas (Bici Verde) no terceiro posto.
As parellas cadetes compiten dúas horas, 30 minutos máis que a temporda pasada. Brais Pérez e Aitor Lema (Toxo) foron os máis fortes na categoría masculina, mentres que Carla Vilouta e Pedro Alarcón (Toxo - Lynalfa/Ponteareas) vestíronse de líderes nos tandems mixtos.
A cerimonia de podio contou coa presenza de Mariel Agrafojo, concelleira de Deportes de Lousame; Rosana García e Nolo Sestayo por parte do Club BTT O Treito; e Óscar Sánchez, directivo da FCG. A segunda das cinco xornada que compoñen o calendario deste certame chegará o vindeiro domingo na mesma comarca, desta volta na súa capital Noia.
Toda a información sobre a Copa Galicia BTT 3h Resistencia podes atopala na súa páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaR24
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es