Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 30/04/2024 01:28:29

Irene Signo, Adrián Prieto e Xiana Camiña aumentan a nómina de líderes da Copa Galicia do Porvir

Boiro abriu o calendario do certame autonómico de Estrada para as categorías cadetes e a júnior feminina

A Copa Galicia do Porvir 2024 regresou un mes despois a Boiro para lanzarse definitivamente. Na mesma localidade do Barbanza onde arrancou a finais de marzo o certame autonómico para os xuvenís masculinos, este sábado puxéronse en xogo as primeiras camisolas doutras tres categorías. A cadete Irene Signo (TenerifeBikePoint), o cadete Adrián Prieto (Emico & Erbi Bembibre) e a júnior Xiana Camiña (CCB-Becani) venceron nunha xornada que reuniu a case 200 ciclistas. 

A Promoción de Ciclismo de Boiro - Gran Premio Ricardo Riveiro, clásica organizada polo Club Ciclista Barbanza, alcanzou a súa XXXVI edición e para os cadetes masculinos ofreceu un percorrido de 52 quilómetros. Logo do paso por Rianxo e da ascensión ao Alto do Bexo, sete corredores chegaron destacados á aproximación á liña de meta situada na Avenida da Constitución. O leonés Adrián Prieto superou ao esprint a Rodrigo García (Lynalfa-Ponteareas) e a continuación entrou Anxo Delgado (Compostelano) apuntándose a terceira praza ante Unai Fernández (O Rosal). Lucas Blanco (Cambre), Nicolás Puga (Padronés - Cortizo) e Pedro Liaño (Caimanes Betanzos) foron os outros compoñentes do grupo dianteiro. 

imagen

Tanto nas cadetes como nas juniors, as dúas ciclistas que o ano pasado se adxudicaron os maillots desta Copa tiveron que conformarse coa segunda posición en Boiro. Lara Fuentes (Cambre) rematou a 1 minuto e 9 segundos da vencedora xuvenil Xiana Camiña. O CCB-Becani contou con dobre representación no podio ao lograr a terceira praza Nerea Suárez. 

imagen

Xunto á gañadora júnior chegaron a meta as dúas primeiras cadetes e Irene Signo bateu á defensora da coroa e actual líder da Copa de España, a Alejandra Neira (Cambre). Un minuto e medio máis tarde finalizaron Inés Santalla e Ivet Ivanova, compañeiras de equipo no Cambre, terceira e cuarta, respectivamente. 

imagen

Sen puntos para o certame que coordina a Federación Ciclismo Galego (FCG), o resto de categorías de base competiron na primeira cita do ano para as escolas do ciclismo de Estrada. As vitorias corresponderon a Jimena Sandiás (Barbanza) e Manuel Rial (Barbanza) en Promesa, a Iria Ruiz (Betanzos) e Xoán Sande (Barbanza) en Principiante, a Estela Yáñez (Triatlon Coruña) e Uxío Fiuza (Padronés-Cortizo) en Alevín, e a Vega Aldrey (Cambre) e Aarón Rodríguez (Lynalfa-Ponteareas) en Infantil. De entregar os premios encargáronse Marcos Fajardo, concelleiro de Deportes de Boiro; o homenaxeado Ricardo Riveiro, presidente do C.C. Barbanza; José Ramón Torrado, director deportivo do club organizador; e Óscar Sánchez, directivo da FCG.

O calendario da Copa Galicia do Porvir presenta como segunda xornada para os juniors masculinos o Gran Premio do Albariño deste mércores e as outras tres categoría volverán a escena o 25 de maio en Carballo. Toda a información sobre este circuíto de probas podes atopala na súa sección dentro desta páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPorvir24. 

Clasificacións

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es