A oitava edición da Challenge As Rías Baixas percorreu durante a fin de semana as estrada do sur da provincia de Pontevedra. Mantendo o seu formato habitual, con dúas tiradas en liña e unha contra o reloxo individual, o evento organizado polo Club Máster da Louriña tivo como gran triunfador a un ciclista asturiano. O máster-40 José Ignacio Méndez, coñecido como Mesneiro, apuntouse unha tripla de éxitos.
A apertura desta cita o sábado pola mañá en Mos repartiu puntos para as clasificacións xerais da Copa Galicia Máster 2024. A terceira e penúltima proba do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG) presentaba un trazado de 78 quilómetros e incluía un treito de sterrato. Para que o ambiente de clásica fose completo, non faltou a chuvia nunha xornada moi húmida.
A esixencia da xornada quedou de manifesto na chegada ao Pazo de Mos. A unidade do pelotón rachouse por completo e cun tempo de 1 hora 54 minutos e 20 segundos, rodando a unha media de 40,9 km/h, Mesneiro (Aerodynamics) asinou a súa segunda vitoria absoluta desta temporada na Copa Galicia. O líder máster-40 ergueu os brazos con 2" de vantaxe respecto ao corredor máster-30 Pablo Brandariz e a continuación, a 5", concluíu o júnior Iván Puentes (Farto). O máster-40 Agustín Pena (Astorga) e o líder máster-30 Gustavo Santiago (Ciclismo Tríatlon Poio) entraron a 7" na cuarta e na quinta posición, respectivamente.
En canto aos máster-50, Óscar Negrete (Unidos por un Reto) impúxose aos dous ciclistas que afrontaban esta cita empatados a 270 puntos no máis alto da xeral. Esa igualdade mantívose ata os metros finais, onde Juan Manuel Toribio (Aerodynamics) bateu ao esprint a José María Tajes (Norinver).
Deste xeito, e a falta da carreira do 25 de maio na Estrada, as camisolas de líderes da Copa Galicia continúan pertencendo a Gustavo Santiago Fernández, a Mesneiro, a Juan Manuel Toribio e ao máster-60 José Carlos Riol (ADO Moure). A entrega de premios en Mos contou coa presenza da alcaldesa Nidia Arévalo; da concelleira de Deportes, Feli Rodríguez; o concelleiro de Igualdade, Leo Costas; e do directivo da FCG, Óscar Sánchez.
CRI e Volta ao Val
A Challenge As Rías Baixas, que rexistrou unha participación de 145 ciclistas, continuou o sábado pola tarde cunha contra o reloxo individual de 5 km en Ponteareas. Por segunda vez no mesmo día, Mesneiro volveu subir ao máis alto do podio absoluto. O máster-40 do Aerodynamics, cun rexistro de 7'31 rebaixou en 6" o tempo do máster-30 Pablo García (Astorga) e en case 12" o do seu compañeiro de equipo Toribio.
O Aerodynamics completou o seu pleno o domingo nos 85 km con saída e chegada no Porriño. Este itinerario, a popular Volta ao Val, resolveuse ao esprint e Francisco Javier Iglesias outorgoulle o triunfo ao conxunto asturiano logo de impoñer a súa punta de velocidade por diante de Pablo Brandariz -segundo- e de Pablo García -terceiro-. Xunto a eles rematou Mesneiro, rubricando a súa tripla coa camisola amarela da challenge.
Toda a información sobre a Copa Galicia Máster podes atopala nas redes sociais a través do hashtag #CopaGaliciaMáster24 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es