Facebook Twitter Youtube Instagram Español
Publicado: 20/05/2024 21:10:23

A Copa Galicia XCO mutou na de ciclocrós en Maceda

Iván Feijoo e Irene Trabazo asinaron sobre a lama os triunfos absolutos nas carreiras elite e sub-23

Unha vila referente no Cross Country Olímpico e no Ciclocrós estatal combinou ambas especialidades o pasado sábado. As intensas chuvias caídas antes e durante a sexta e antepenúltima proba da Copa Galicia XCO encheron de lama o circuíto do XV BTT de Maceda - Copa Deputación de Ourense como se se tratase dun evento do calendario de CX. Cos seus rostros cheos de barro, Iván Feijoo (Academia Postal - Maceda) e Irene Trabazo (XSM) obtiveron os triunfos absolutos nas carreiras elite e sub23 dunha xornada que se resolveu con catro cambios de líderes. 

Os 220 participantes no evento organizado polo Club Ciclista Maceda tiveron que adaptarse, unha vez máis esta campaña, a unhas condicións que non son as habituais no XCO. Había que pedalear nun lameiro e esa arte non ten ningún tipo de segredo para Iván Feijoo, catro veces campión de España de ciclocrós. Correndo 'no xardín da súa casa', no circuíto das Piscinas Municipais, o alaricano estivo a outro nivel. Na súa segunda aparición deste ano na Copa Galicia, sumou a súa segunda vitoria e fíxoo con 5 minutos de vantaxe sobre o seu compañeiro de equipo, e imbatido ata esta cita, Saúl López.

imagen

O podio elite compartiuno cos dous representante do equipo anfitrión o líder Rubén Deaño (Ourense Termal). Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño) e Iván Pereira (Xesteiras), remataron cuarto e quinto, respectivamente, sexto clasificouse Miguel Porto (Lynalfa-Ponteareas) e sétimo concluíu o gañador sub-23 Fabián Rodríguez (Cambre), categoría que segue tendo no máis alto da xeral a Martín Sestelo (Avanza - O Porriño).

O outro triunfo do Academia Postal - Maceda na última quenda asinouno o júnior Alejandro García, unha semana despois de lograr a undécima posición no Campionato de Europa. O vixente campión estatal tamén ofreceu un recital mentres que o segundo posto de Martín Díaz (Caimanes Betanzos) serviulle para desbancar do liderado ao seu compañeiro de equipo Adrián Caamaño, ausente nesta xornada. No resto de carreiras masculinas venceron os portadores das camisolas da Copa coa excepción dos infantís, proba na que Pedro Cidrás (XSM) bateu ao líder Guillermo García (Avanza - O Porriño). Deste xeito, o cadete Lucas Lozano (XSM), o máster-30 Manuel Ángel Parada (Xesteiras), o máster-40 Jorge Aguín (Moto Bike), o máster-50 Antonio Rodríguez (Ourense Termal) e o máster-60 Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) reforzaron os seus primeiros postos nas xerais. 

imagen

Se hai unha corredora galega que desfruta no barro esa é Irene Trabazo. Bronce no último campionato de España de ciclocrós, a marinense divertiuse en Maceda e anotouse a súa segunda vitoria deste exercicio na Copa Galicia, noutras tantas aparicións. A elite do XSM distanciouse en máis de 8 minutos de Carla Fernández (QuéBici-Marcisport) e a terceira praza ocupouna Sarela Conde (Academia Postal - Maceda), gañadora sub-23 e nova líder. Uxía Soto (Extol-Zambora), tamén sub-23, finalizou cuarta e a Juana Vidal (Moto Bike) correspondeulle a quinta praza, o que lle permite continuar á fronte do ranking elite. 

imagen

Os premios máis desexados repartíronse nas juniors. Sara Peón (XSM) venceu e Yaiza Vila (Team Bike Outeiro de Rei) é a nova líder. A dobre recompensa acaparouna Iris Santana (Coruxo) nas cadetes ao adiantar na xeral por primeira vez a Xiana Seijo (Caimanes Betanzos). Pola súa banda, a infantil Marta Utrera (Armenteira e Punto) e a máster-40 Silvia García (Bici Verde) prolongaron o seu pleno de triunfos. 

A Copa Galicia XCO despediu esta nova entrega nun dos seus escenarios habituais cunha cerimonia de podio que contou coa presenza da alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo; do médico do evento e tenente de alcaldesa, Celso Sánchez; de representantes do Clube Ciclista Maceda - Escola José Antonio Hermida; e de Alberto del Río, técnico da Federación Ciclismo Galego (FCG). O conxunto local recibiu o trofeo como gañador por equipos da xornada. 

imagen

A penúltima cita puntuable deste certame disputarase o vindeiro sábado, día 25 de maio, en Cambre. Toda a información da Copa Galicia XCO atópase na súa sección desta páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCO24.

Clasificacións

 

 

 

GALERÍA DE FOTOS

A Copa Galicia XCO mutou na de ciclocrós en Maceda
A Copa Galicia XCO mutou na de ciclocrós en Maceda
A Copa Galicia XCO mutou na de ciclocrós en Maceda
A Copa Galicia XCO mutou na de ciclocrós en Maceda
A Copa Galicia XCO mutou na de ciclocrós en Maceda
A Copa Galicia XCO mutou na de ciclocrós en Maceda

NOTICIAS RELACIONADAS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es