Un final mítico decidiu a segunda cita da Copa Galicia Elite e Sub-23, unha carreira dividida en dous actos por mor dunha temeridade. No ecuador da II Volta Ciclista O Baixo Miño, á altura do km 67, un vehículo fixo caso omiso ás indicacións do equipo de seguridade da proba e coouse no percorrido provocando a caída de Yago Trillo (Norinver), que tivo que ser trasladado ao hospital na compaña do médico. Ese percance obrigou a deter a competición durante hora e media, ao mesmo tempo que a recortar o percorrido nunha treintena de quilómetros. Unha vez que os ciclistas volveron pedalear, o líder sub-23 Marc Torres deulle a vitoria ao Padronés Cortizo na fermosa ascensión a Santa Trega, no concello da Guarda.
A gravísima imprudencia do conductor que condicionou a xornada impediu desfrutar plenamente dun espléndido día de ciclismo. O Team Oiense - Escuela Estévez deseñou un trazado de 129 km que estaba dando moito xogo. Logo de arrancar de xeito neutralizado dende o cumio do Monte Santa Trega, o checo Vojtech Kminek (Padronés-Cortizo) asumiu o protagonismo dende o treito inicial. Sempre en cabeza, primeiro na compaña de Ricardo Buba (High Level - Gsport), pasou á fronte da carreira pola Meta Volante da Guarda, polo Sprint Especial de Tui e polo Premio de Montaña de San Antoniño (3ª categoría).
Na baixada do primeiro alto puntuable, tivo lugar o incidente que freou en seco o espectáculo. A solución para reactivar a competición pasou por eliminar case que unha cuarta parte do percorrido, que incluía a subida a Torroña (2ª). Este segundo acto da Volta Ciclista O Baixo Miño chegou ao pé de Santa Trega cunha escasa diferenza entre unha fuga, na que tamén estaba Kminek, e o grupo principal. A vitoria decidiuse nas ramplas da selectiva ascensión de 2ª, que non chega aos 4 km de lonxitude.
O Padronés Cortizo, que defendía as dúas camisolas de líderes da Copa Galicia, moveu as súas pezas. O ucraíno Maksym Bilyi abri un oco que rondou os 15 segundos e, cando foi neutralizado a menos de 2 km para a meta, dous compañeiros seus distanciáronse xunto a David González (Vigo-Rías Baixas). A superioridade numérica aproveitouna o conxunto de Padrón para mover as súas fichas e vencer por medio do balear Marc Torres, que con este triunfo reforza o seu primeiro posto na xeral sub-23.
A 18" do gañador, o seu compañeiro uruguaio Pablo Bonilla bateu a David González no man a man pola segunda praza. Ás súas costas, 6" máis tarde, o ribeirense Alejandro Paz outorgoulle a cuarta posición ao Padronés Cortizo ao conseguir rematar como mellor galego 2" por diante do ponteareán Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz), moi activo na subida final. Sexto concluíu o campión de España elite Carlos Gutiérrez, asumindo a camisola de líder elite que portaba Ramón Fernández, ambos pupilos de Marcos Serrano na escuadra padronesa.
A entrega de premios contou coa presenza de representantes dos concellos da Guarda, Tomiño, O Rosal e Oia, así como de directivos do Team Oiense - Escuela Estévez. A Copa Galicia Elite e Sub-23 despedirá a súa edición deste ano cunha dobre cita a fin de semana do 15 e do 16 de xuño, o sábado na Volta á Comarca Brigantina e o domingo no Gran Premio Concello do Porriño.
Toda a informacón sobre este certame podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaEstrada24 e na súa sección dentro da nosa páxina web.
Desde a Federación Ciclismo Galego desexamos unha pronta e boa recuperación a Yago Trillo. Moito ánimo!
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es