Xornada redonda para o conxunto anfitrión na quinta cita puntuable da Copa Galicia de Ciclocrós. O Club Ciclista Cambre venceu por equipos este sábado na décimo quinta edición do seu CX e tamén obtivo o triunfo na carreira elite e sub-23 masculina con Fabián Rodríguez sorprendendo aos principais favoritos. A sub-23 Sarela Conde (Academia Postal - Maceda) repetiu éxito na proba raíña feminina.
Con 258 inscritos, o XV Ciclocrós Concello de Cambre abriu unha fin de semana de competición con dúas probas na provincia da Coruña. Tal e como acontecera dúas semanas antes no Rosal, ningunha outra ciclocrosista elite e sub-23 puido con Sarela Conde. A corredora do Academia Postal - Maceda decantou ao seu favor na última volta o man a man que protagonizou coa tamén sub-23 Laura Mira (Farto). A terceira praza absoluta acadouna a vencedora elite Iria Nieto (Team Oiense) e o top-5 completárono a líder sub-23 Uxía Soto (Extol Zambora) e outra sub-23, María Filgueiras (XSM), cuarta e quinta respectivamente.
Entre as juniors exhibiuse Lorena Patiño (XSM), vixente campioa de España e décima clasificada no Campionato de Europa disputado a comezos deste mes en Pontevedra. Co resto de vitorias femininas fixéronse a cadete Nerea Soto (Lynalfa-Ponteareas), a infantil Clara Pintos (Lynalfa-Ponteareas), a máster-40 Marina González (Illas Cíes) e a máster-50 María Andia (Monte Xalo).
Ser profeta na súa terra nunca é doado, pero o Cambre conseguiuno por partida dobre nas categorías masculinas. Fabián Rodríguez asinou un triunfo absoluto incontestable logo de encabezar en solitario a carreira estrela da xornada dende a segunda das oito voltas. Unha vez que soltou ao elite Samuel González (Máis Que Auga), o representante do club anfitrión resultou inalcanzable. Estreou a súa conta de vitorias desta temporada con 41" de marxe. O sub-23 Ricardo Buba (High Level - Gsport) apuntouse a terceira posición, o líder elite Luis Fernández Oliveira (Avanza - O Porriño) concluíu cuarto e no esprint pola quinta praza impúxose o elite David Fernández (Avanza - O Porriño) ao líder sub-23 Martín Díaz (XSM).
O outro ciclista do Cambre que rendabilizou ao máximo o 'factor campo' foi o cadete Lucas Blanco, máis forte no treito final que Lucas Lozano (XSM). Ao máis alto do caixón tamén subiron o júnior Xoel Cidrás (XSM), o infantil Mateo Hermida (Lynalfa-Ponteareas), o máster-30 Aquiles Sordo (Caimanes Betanzos), o máster-40 Alejandro Mesías (CiclosQuintena), o máster-50 Eloy Otero (InSitu) e o máster-60 'Tucho' González (Salvaterra de Miño).
As clasificacións xerais da Copa non rexistraron ningún cambio de líder na véspera da súa sexta parada, o VIII Ciclocrós Val de Esmelle. Ao mando dos rankings continúan Clara Pintos e Sergio Pérez (Avanza - O Porriño) en Infantil, Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) e Guillermo García (Avanza - O Porriño) en Cadete, Alba Gregores (Lynalfa - Ponteareas) e Pedro Liaño (Cambre) en Júnior, Uxía Soto e Martín Díaz en Sub-23, María Jesús Barros (Supermercados Froiz) e Luis Fernández Oliveira en Elite, Aquiles Sordo en Máster-30, Jana Buba (Coruxo) e Andrés Calvete (Monte Xalo) en Máster-40, María Sonsoles González (InSitu) e José Manuel Gómez Bestilleiro (Xesteiras) en Máster-50, e Darío Buceta (Farto) en Máster-60.
Os premios nas cerimonias de podio encargáronse de entregalos Dani Mallo, concelleiro de Deportes de Cambre; de Juan Carlos Candal, presidente do Club Ciclista Cambre; e de Juan Carlos Muñiz e Óscar Sánchez, presidente e vicepresidente da Federación Ciclismo Galego. Ademais, o conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, asistiu a un evento que contou cunha food truck da campaña de promoción dos produtos pesqueiros 'Galicia sabe Amar'.
Toda a información sobre a Copa Galicia de Ciclocrós está dispoñible na súa sección dentro desta mesma páxina web e tamén podes atopala nas redes socias a través do cancelo #CopaGaliciaCX.
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es