A Volta Ciclista á provincia da Coruña regresa con etapas en Ortigueira, A Laracha e A Pobra

26 DE MAYO DE 2022

Dezanove equipos Elite-Sub23 percorrerán 400 quilómetros nun gran espectáculo ciclista que comeza este venres e concluirá o domingo no miradoiro da Curota

A-Volta-Ciclista-a-provincia-da-Coruna-regresa-con-etapas-en-Ortigueira-A-Laracha-e-A-Pobra-

Ortigueira, A Laracha e A Pobra do Caramiñal acollen entre mañá e o domingo as tres etapas da XIX edición da Volta Ciclista á Provincia da Coruña. Un gran espectáculo deportivo que regresa ás estradas coruñesas co impulso da Deputación da Coruña e a Federación Ciclismo Galego tras dous anos de parón obrigado pola pandemia.

O evento foi presentado esta mañá na sede da institución provincial polo presidente Valentín González Formoso, a deputada de deportes, Cristina Capelán, o presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz, os alcaldes de Ortigueira e A Pobra, Juan Penabad e Xosé Lois Piñeiro, e a concelleira de Promoción Económica da Laracha Rocío López, os municipios que serán sede das tres etapas que se disputarán esta fin de semana.

"Estamos moi satisfeitos porque a Volta á Provincia supón o regreso dun clásico do ciclismo tras dous anos de pandemia", afirmou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que deu a benvida e desexou éxitos deportivos aos integrantes dos 19 equipos participantes da categoría Élite Sub-23 nacional, "entre eles moitas futuras promesas do ciclismo galego, que desde mañá ata o domingo percorrerán 400 quilómetros en tres etapas nas que poderemos gozar do mellor ciclismo e que culminarán o domingo no miradoiro da Curota".

Formoso destacou o apoio da Deputación a este e outros grandes eventos ciclistas como o Gran Fondo do Ézaro, o Gran Camiño ou a proba de ciclismo feminino de La Vuelta Cerazitit Challenge, que traen o mellor ciclismo á provincia coruñesa, así como o impulso que o Goberno provincial está dando á creación e ampliación de carrís bici e proxectos singulares de mobilidade sostible como a Vía Verde que conectará Santiago e Cerceda con 36,5 quilómetros de sendeiros ciclables sobre as antigas vías do ferrocarril.

Pola súa banda, o presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz Nieto, agradeceu á Deputación da Coruña que siga "apostando polo deporte da bicicleta, non só a modo de competición, senón tamén como transporte sostible", sinalou facendo referencia aos carrís bici nos que traballa o ente provincial. "Esta Volta ciclista move a unhas 300 persoas entre deportistas e organización", informou Muñiz, que incidiu en como isto repercutirá de forma positiva na economía local. "Se a isto lle engadimos público e familiares de deportistas, as cifras son aproximadamente de cerca de 1.000 persoas seguindo directamente esta Volta ciclista á provincia", engadiu.

"A Volta non só promove o deporte, senón que é tamén unha excelente escaparate para dar a coñecer as excelencias da provincia da Coruña", afirmou a deputada de Deportes, Cristina Capelán, que destacou o gran traballo realizado pola Federación Ciclismo Galego e os municipios de Ortigueira, Laracha e A Pobra, así como a colaboración da Guardia Civil de Tráfico ou Protección Civil "para que o retorno da Volta sexa un éxito". Capelán incidiu ademais no apoio que, desde o seu departamento, se da tanto ao ciclismo afeccionado como aos grandes eventos deportivos desta disciplina.

Tres etapas para un gran espectáculo deportivo

A Volta comeza mañá venres, 27 de maio, ás 13.00 horas no paseo do Malecón de Ortigueira cunha etapa de 136,4 quilómetros que discorrerá tamén por Valdoviño, San Sadurniño, Moeche, Mañón, O Barqueiro e Espasante, entre outros puntos.

O sábado 28, a etapa terá saída e meta na Laracha, cun percorrido de 141 quilómetros que pasará por Carballo, Malpica, Corme, Ponteceso e Cerceda.

O domingo, 29 de maio, a etapa parte da Pobra do Caramiñal. 116, 4 quilómetros de percorrido que pasarán por Ribeira, Porto do Son, Portosín, Noia, Lousame, Ponte Beluso, Boiro, Ponte Goiáns e que rematan no miradoiro da Curota.

Consulta toda a información da XIX Volta Ciclista á provincia da Coruña na súa web oficial. 

Fonte: Deputación da Coruña 

GALERÍA DE FOTOS

A Volta Ciclista á provincia da Coruña regresa con etapas en Ortigueira, A Laracha e A Pobra
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es