24 DE JUNIO DE 2025
Fotos: Purociclismo
O Campionato de Galicia Máster de fondo en estrada prometía emocións fortes o pasado sábado e non defraudou. Os 74,6 quilómetros de percorrido do VI Trofeo de Ciclismo Concello de Ordes resolvéronse ao esprint e o máis rápido entre os 40 compoñentes do pelotón foi Adán Fra. O máster-30 do Club Ciclista Viveiro proclamouse novo campión autonómico do seu grupo de idade, ao igual que Omar Pesqueira (Bici O Con) nos máster-40 e Enrique Vázquez (Tambre Bike) nos 60. Só retivo a súa coroa da Federación Ciclismo Galego (FCG) o máster-50 José María Tajes (Norinver).
Con preto dun cento de participantes na liña de saída, a proba organizada polo Club Ciclista Cidade de Santiago ofrecía unha gran oportunidade de subir ao máis alto do podio aos corredores cun final potente. O itinerario que arrancaba en dirección a Cerceda, e no que se realizaba un paso intermedio no km 33,6 pola meta diante da Casa do Concello de Ordes, non presentaba ningunha subida na que os escaladores puideran facer saltar polos aires a carreira. A teoría cumpriuse e o gañador absoluto, así como tres títulos do Campionato de Galicia, decidíronse nuns últimos metros que picaban lixeiramente cara arriba.
A volata en Ordes tivo como dominador a Adán Fra despois de 1 hora 45 minutos e 41 segundos de competición. O representante do Viveiro impúxose por diante do tamén máster-30 Pablo Fernández (Cidade de Santiago) -recente vencedor da xeral da Copa Galicia- e proclamouse por primeira vez campión autonómico. O terceiro posto correspondeu ao máster-40 vasco Mikel Núñez (Lasal Cocinas – Craega).
A cuarta posición de Omar Pesqueira outorgoulle a camisola máster-40 da FCG. O top-5 e o podio máster-30 completounos Lázaro López (Aerodynamics). Co mesmo tempo que os cinco primeiros tamén finalizaron os outros dous medallistas máster-40, Pablo Brandariz (Xesteiras) e Saúl Torres (Norinver), prata e bronce respectivamente.
Entre os máster-50, o asturiano Juan Manuel Toribio (Aerodynamics) levouse a vitoria na carreira. Por detrás del, catro galegos pugnaron polo título autonómico e por cuarto ano consecutivo acadouno José María Tajes. O metal de ouro recibiuno escoltado no caixón por Manuel González (Lasal Cocinas-Craega), no segundo chanzo, e Teófilo Iglesias (De La Fuente), no terceiro. Coa ‘medalla de chocolate’ quedou Javier González (Chantadino), campión de Galicia esta campaña de Contra o Reloxo Individual.
A única incógnita que se despexou antes do esprint final foi a da coroa máster-60. Enrique Vázquez conseguiu aguantar o ritmo do grupo principal e alcanzou a meta de Ordes como único representante do seu grupo de idade no pelotón de cabeza. Deste xeito, o ciclista do Tambre Bike rematou coa excepcional xeira de Manuel Prieto (Norinver), invicto no Campionato de Galicia dende o 2019. Esta vez, logo de concluír a máis de 3 minutos do gañador, obtivo o metal de prata.
PODIOS DO CAMPIONATO DE GALICIA
Máster-30
1. Adán Fra (Viveiro)
2. Pablo Fernández (Cidade de Santiago)
3. Lázaro López (Aerodynamics)
Máster-40
1. Omar Pesqueira (Bici O Con)
2. Pablo Brandariz (Xesteiras)
3. Sául Torres (Norinver)
Máster-50
1. José María Tajes (Norinver)
2. Manuel González (Lasal Cocinas-Craega)
3. Teófilo Iglesias (De La Fuente)
Máster-60
1. Enrique Vázquez (Tambre Bike)
2. Manuel Prieto (Norinver)
SELECCIÓNS
CARRETERA
FORMACIÓN
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es