25 DE AGOSTO DE 2025
Fotos: Federação Portuguesa
A aposta da Federación Ciclismo Galego polas promesas do pelotón feminino levou á Selección de Galicia a disputar a cuarta edición da Volta a Portugal Feminina Sub-19. A rolda de tres días que arrancou o pasado venres en Santarém rematou este domingo na ascensión de 1ª categoría a Montejunto cunha corredora do combinado autonómico no podio. Vega Aldrey loitou ata os metros finais pola vitoria cadete na etapa raíña e fixo segunda na xeral da súa categoría.
A Selección de Breogán contou con seis ciclistas -cinco cadetes e unha júnior- nun pelotón de 119 unidades no que tamén rodou o Lynalfa-Ponteareas xunto a equipos doutras comunidades de España, conxuntos portugueses e as seleccións de Asturias e Grecia. Ao norte de Lisboa, as dúas primeiras tiradas resolvéronse con esprints masivos.
Despois de 55 quilómetros de percorrido, na chegada a Almeirim, impúxose a júnior Eirini Stampori (Grecia) e co mesmo tempo que a gañadora concluíron por parte de Galicia a júnior Irene Signo e as cadetes Leire García, Antía Torres e Vega Aldrey. Ao día seguinte, a máis rápida no desenlace dos 60 km con final en Salvaterra de Magos foi a júnior vasca Laida Hierro (Mirat Fertilizantes) con Vega Aldrey, Leire García e Irene Signo sen ceder de novo ningún segundo respecto á vencedora.
A Volta a Portugal Feminina Sub-19 non se resolveu ata a súa etapa raíña, de 50 km e meta no cumio da subida a Montejunto. Nas ramplas deste porto de 1ª categoría, a cadete de primeiro ano Vega Aldrey asinou unha sensacional actuación. Clasificouse terceira entre as corredoras da súa categoría, a 6 segundos da cántabra Gabriel González (Río Miera) e na pugna pola segunda praza superouna a catalá Lluna Jiménez (Tavira). Ademais, a ciclista do Cambre logrou a sétima posición na táboa absoluta a 1 minuto e 44 segundos da vencedora Eirini Stampori.
A xeral cadete decidiuse por postos dado que Lluna Jiménez e Vega Aldrey completaron a Volta co mesmo tempo e o desempate outorgoulle a vitoria á representante do Tavira. O terceiro chanzo do podio correspondeu a Gabriela González, a 2” das dúas primeiras. Nesa clasificación a Selección de Galicia tamén contou con Leire García (15ª), Antía Torres (23ª), Carla Ballester (27ª) e Tania Rodríguez (33ª), mentres que Nerea Soto terminou 28ª coas cores do Lynalfa-Ponteareas.
No que respecta á táboa absoluta, Vega Aldrey conseguiu ser sexta a 2:09 de Eirini Stampori. A segunda mellor clasificada do combinado galego, Irene Signo, quedou 27ª. En canto ás juniores do Lynalfa Ponteareas, Elba Hermida acabou a 44ª, Xiana Mardaraz a 48ª, Lara Pita a 71ª, Alba Gregores a 73ª e Carla Vilouta a 100ª.
A Selección de Breogán homenaxeou antes do inicio da última tirada a Iván Meléndez, o ciclista júnior falecido esta fin de semana na Vuelta a la Ribera del Duero, acudindo ao control de sinaturas cunha camisola do seu equipo, o Tenerife, estrutura na que era compañeiro de Irene Signo.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es