28 DE JULIO DE 2025
Fotos: RFEC
Dous bikers da nosa comunidade desfrutaron da experiencia de 'correr na casa' no Campionato de Europa XCO/XCR/XCC 2025. A júnior Lorena Patiño e o sub-23 Alejandro García formaron parte da selección española que competiu na gran cita continental que tivo como escenario Melgaço. Ata esta localidade portuguesa, fronteiriza co concello pontevedrés de Arbo, achegouse unha numerosísima representación da afección galega para animar aos seus e ver en acción a estrelas mundiais.
A toma de contacto coa competición tanto para Lorena Patiño como para Alejandro García chegou o pasado venres no Team Relay. Os dous contribuíron ao gran resultado acadado polo combinado dirixido pola seleccionadora Anna Villar. España quedou quinta nunha proba que contou con trece equipos.
A marinense Patiño deuno todo na terceira remuda para non perder terreo. Recolleu o testemuño na novena posición e entregouno na décima. Da última volta encargouse o carballiñés García, que nunha sensacional actuación permitiua ao sexteto español subir do sétimo ao quinto posto. O tempo do ourensán só superou en 1 segundo o marcado polo elite David Valero, dez vez campión estatal.
As carreiras individuais Sub-23 masculina e Júnior feminina de Cross Country Olímpico disputáronse ao día seguinte, o sábado, nun circuíto moi esixente pola intensa calor, o pó xenerado polas bicicletas e o trazado, duro e técnico. No seu segundo Europeo, o primeiro como Sub-23, García asinou unha meritoria 19ª posición. O biker do Carballiño foi o segundo mellor español nesta categoría, por detrás de Thibaut François, que fixo oitavo.
A estrea de Patiño nun Campionato de Europa finalizou cunha 16ª praza. A ciclista de Marín comandou ao combinado estatal indo de menos a máis. Logo dunha saída que a levou a rodar máis alá do 20º posto, remontou posicións paseniñamente e terminou a pouco máis dun minuto do top-10.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
FORMACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es