28 DE JULIO DE 2025
Fotos: RFEC
Alejandra Neira está levando ao ciclismo galego feminino a outro nivel na súa primeira temporada como júnior. A corredora santiaguesa, de 17 anos, fixo historia este domingo para o deporte da nosa comunidade ao adxudicarse na localidade neerlandesa de Watersley a última xornada dunha proba pertencente ao calendario da Copa das Nacións da Unión Ciclista Internacional (UCI). Foi a súa primeira vitoria coa selección española.
A Watersley Ladies Challenge constou de tres días de competición. A navarra Paula Ostiz, gañadora desta rolda no 2024, vestiuse de líder na contra o reloxo inaugural do venres. Nun percorrido chairo de 6 quilómetros, Alejandra Neira clasificouse 24ª, mesmo posto que ocupou o sábado traballando para que a selección española conservara a camisola amarela na primeira tirada en liña. O dominio do combinado dirixido por Gema Pascual alcanzou o grao de recital o domingo, nunha exhibición colectiva encabezada pola corredora compostelá.
O equipo español asinou un póker na meta da última etapa. Neira lanzou o seu ataque no treito final dunha tirada de 82 quilómetros e impúxose con 10 segundos de vantaxe respecto á líder Ostiz. A vasca Irati Aranguren e a castelá e leonesa Lidia Castro fixeron terceira e cuarta, respectivamente, a 13" da santiaguesa. Unha demostración colectiva dunha xeración única na historia do ciclismo estatal.
O triunfo da ciclista galega do Baqué Movistar Team permitiulle na xeral ascender á quinta posición e concluír segunda na táboa das ciclistas de primeiro ano da categoría, tan so superada pola polaca Maria Okrucinsca (Grouwels). Campioa de España de Contra o Reloxo Individual hai un mes coa Selección de Galicia, o podio dunha cita da Copa das Nacións xa o pisara en maio ao terminar terceira na xeral do Tour du Gévaudan en Francia. A Neira aínda lle restan nesta campaña xa inesquecible outros dous retos con España, o Campionato do Europa e o Mundial.
Martín Rey
Outro éxito do ciclismo galego de estrada chegou o sábado na Vuelta a Castilla y León Elite e Sub-23. O vilagarcián Martín Rey (Cortizo) gañou a xeral desta rolda de seis días. O vencedor da Volta a Galicia no 2023 vestiuse de líder na terceira xornada e conservou a camisola vermella con autoridade, cunha marxe de 2 minutos sobre o segundo clasificado. Ademais, o Cortizo apuntouse dúas etapas e o premio por equipos.
SELECCIÓNS
FORMACIÓN
CARRETERA
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
FORMACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es