Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Semana Santa chega cargada de Ciclismo Galego

01 DE ABRIL DE 2023

Campus XCO, Xornadas Mulleres Ciclistas, Tecnificación Júnior, Mini BTT, competicións...

A-Semana-Santa-chega-cargada-de-Ciclismo-Galego

A Semana Santa é tempo de paixón tamén pola bicicleta. Dende este sábado o calendario da Federación Ciclismo Galego (FCG) inicia nove días cargados de propostas e alternativas para desfrutar pedaleando. Unha oferta con competicións, formación, tempo de lecer, tecnificación... e especialmente dirixida ás categorías de base e ao ciclismo feminino. 

Dos tres eventos organizados pola FCG o primeiro en comezar a rodar será o Campus XCO Ciclismo Galego. A segunda edición desta iniciativa terá como escenario dende este domingo e ata o martes o Hotel Cemar de Mondariz Balneario. Dirixido a ciclistas alevíns, infantís e cadetes, esta convivencia que combina diversión e formación foi presentada nun acto que contou coa presenza de Daniel Benavides, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra; Bernardo Acevedo, director do Hotel Cemar; Marcos Porto, representante do Pontebike Team; José Pose, presidente da ADC Picaraña; Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG; e Alberto del Río, técnico da FCG e director do campamento.

O Campus XCO remata na véspera de que o mércores se inicien en Marín as segundas Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas. A gran xuntanza feminina deseñada pola FCG durará dous días nos que as corredoras asistirán a charlas con relatoras de luxo (Gemma Pascual, Coral Fernández, José Ramón Lillo...), participarán nun coloquio e adestrarán. Unha actividade gratuita, que inclúe aloxamento e pensión completa no Colexio SEI San Narciso, e as súas conferencias estarán abertas ao público en xeral. 

A terceira iniciativa da FCG chegará o Sábado Santo en Carballo coa Xornada de Tecnificación para corredores juniors de estrada. Os corredores convocados polo seleccionador galego Jacobo Ucha compartirán un día de preparación e formación. Con estes pequenos stages, que ao longo da temporada se celebran para todas as modalidades e categorías da canteira, búscase facer un seguemento dos ciclistas e crear vínculos entre eles de cara ás competicións ás que asiste a Selección de Galicia. 

A nivel de carreiras, a Semana Santa arranca coa Challenge Volta O Barbanza de Junior -primeira cita da Copa Galicia do Porvir- e esta fin de semana tamén se disputará a I Copa BTT 3HRS Resistencia Deputación de Lugo. Os bikers terán outra data sinalada o Domingo de Pascua. Da man do Concello do Porriño, a A.D. Avanza organiza dous eventos no mesmo día. Na sesión matinal activarase o calendario 2023 de Mini BTT e pola tarde celebrarase a segunda proba da Copa Galicia XCO

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es