Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Copa Galicia do Porvir comeza a pedalear este sábado na Challenge Volta O Barbanza - A Orixe

30 DE MARZO DE 2023

A primeira das dúas xornadas da proba que percorrerá os catro concellos da Mancomunidade Barbanza Arousa é puntuable para o certame autonómico júnior de estrada

A-Copa-Galicia-do-Porvir-comeza-a-pedalear-este-sabado-na-Challenge-Volta-O-Barbanza---A-Orixe

Un pelotón de 123 corredores xuvenís pertencentes a dezanove equipos percorrerá esta fin de semana as estradas dos catro concellos que forman a Mancomunidade Barbanza Arousa. A segunda edición da Challenge Volta O Barbanza - A Orixe repite no calendario da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) e ademais a súa primeira xornada dará inicio ao certame para corredores juniors masculinos de estrada coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG). Unha competición que esta temporada estrea denominación, a de Copa Galicia do Porvir. 

A primeira camisola amarela de líder da Challenge e a azul e branca da Copa poranse en xogo o sábado a partir das 16:30 horas. O itinerario de 88,9 quilómetros arranca da Praza Castelao de Rianxo, onde tamén rematará ao redor das 19:00. Os puntos quentes desta tirada serán as Metas Volantes de Boiro (km 27) e Araño (km 60,4), e os portos puntuables para a clasificación da Montaña do alto de Bexo (km 56,8) e da Cruz de Abelán (km 77,5). 

Ao día seguinte, nunha carreira que non forma parte do calendario da Copa Galicia, decidirase o gañador da xeral da Challenge. Os corredores comezarán a darlle aos pedais ás 10:30 horas na Avenida do Malecón de Ribeira e regresarán ao mesmo punto tras ter cubertos 89,6 km. Antes dos dous pasos pola Pobra do Caramiñal ascenderase o alto de Moldes (km 30,3 e 74) e tamén se repetirá a Meta Volante de Praia de Cabio (km 37,5  e 81,4).

O evento organizado polo Club Ciclista Barbanza permite aos xuvenís galegos medirse con varios dos mellores equipos do panorama estatal. O Eolo Kometa madrileño, o MMR-Academy asturiano e o Electromecánica-GR100 estremeño son algunhas das formacións chegadas dende outras comunidades autónomas que estarán na liña de saída. A calidade do pelotón volverá ser moi alta, tal e como aconteceu o ano pasado nunha primeira edición da Challenge que se anotou o portugués Antonio Morgado, corredor que esta campaña xa está competindo e gañando no campo profesional.

A presentación da proba patrocinada pola Mancomunidade Barbanza Arousa realizouse este mediodía no Concello de Boiro, una acto no que participaron Ricardo Riveiro, presidente do C.C. Barbanza; José Ramón Torrado, director técnico da entidade organizadora; José Ramón Romero, presidente da Mancomunidade e alcalde de Boiro; Lois Piñeiro, alcalde da Pobra do Caramiñal; Fátima Cachafeiro, secretaria da Mancomunidade; María José Sampedro, concelleira de Cultura de Ribeira; e Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG. 

Máis información

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es